O BNG pídelle ao goberno ribeirense máxima implicación para deter os contaxios e lamenta a súa parálise

O BNG ribeirense rexistrou hoxe unha solicitude na que lle esixe ao goberno local abandonar a parálise na que está sometido, poñer todos os seus esforzos en deter o aumento dos contaxios que se producen no municipio e convocar de maneira urxente a Comisión Municipal de seguimento da Covid-19.

Denunciamos a falta de información que hai por parte do Concello de Ribeira no momento en que o municipio está con restricións máximas e os contaxios non deixan de aumentar. Segundo o concelleiro Luís Pérez Barral “non é lóxico que ningún membro do goberno dea explicacións puntualmente no peor momento en canto a casos positivos se refire”. Para Pérez Barral o “goberno local está desaparecido”, situación que contrasta co acontecido nos meses de abril ou maio nos que apenas houbo casos pero o señor Ruiz saía aos medios todos os días. “Non hai nada peor que un gobernante que non dá a cara ante os seus veciños e veciñas e lles informa da situación de maneira clara e transparente” aseguran no BNG.

Desde o Bloque lamentan que desde o Concello de Ribeira non se estean poñendo todos os esforzos necesarios para conter o aumento de contaxios e piden que se convoque de maneira urxente Comisión Municipal de seguimento da Covid-19 para avaliar e consensuar novas medidas fronte á pandemia.

Máis recursos e máis transparencia

Ademais de convocar a Comisión Municipal de seguimento da Covid-19, o BNG demanda que o Concello de Ribeira inste á Xunta de Galiza a: 

  • Aumentar o número de rastrexadores coa fin de que ningún caso poida quedar sen detectar.

  • Realizar todas un cribado masivo se for necesario e facer as PCR que se precisen, suprimindo o recorte que a Xunta fixo no número delas que se fan diariamente, nun momento no que son tan necesarias.

  • Cubrir todas as prazas do persoal sanitario da atención primaria e hospitalaria.

  • Reforzar o persoal da sanidade que a situación da pandemia esixe, especialmente no relativo á campaña de vacinación.

Doutra banda, pídenlle ao goberno local que informe puntualmente da situación na localidade e se poñan todos os esforzos a nivel municipal para facer posíbel que o número de contaxios comece a reducirse. Pérez Barral confirmou que “o BNG segue a disposición dos veciños e veciñas e do concello para axudar no que fose preciso, xa que agora mesmo a prioridade debe ser reducir os contaxios e salvar vidas” concluiu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.