O BNG pídelle á Xunta e Concello implicación para acabar cos problemas do transporte público

Comezamos unha recollida de sinaturas en Ribeira co obxectivo de que se resolvan os problemas que hai no servizo

ASINA a petición para mellorar o transporte público 

O malestar cos problemas que rexistra o transporte público van en aumento sen que os responsábeis da Xunta de Galiza ou do Concello de Ribeira fagan nada por resolvelos. Desde o BNG  tomamos cartas no asunto porque non estamos dispostos a que as persoas usuarias sigan padecendo atrasos, buses masificados aos que non poden subir, autobuses que non pasan ou unha falta de información xeneralizada, entre outros problemas.

Hai uns meses a Xunta poñía en marcha o Plan de Transporte de Viaxeiros por Estrada que ía supoñer a mellora do transporte público e contaba cun investimento da Xunta de 9,3 millóns de euros ao ano pero lonxe de mellorar o servizo prestado, os problemas na liña XG-847 correspondente coa comarca da Barbanza, están a sucederse provocando un forte malestar social e un problema para as persoas que teñen que coller o transporte público.

O transporte público é un servizo esencial para garantir que as persoas poidan desprazarse no territorio, poidan acudir ao traballo ou mesmo ao médico pero tamén debe ser unha prioridade coa que contribuír a reducir o uso do vehículo privado e reducir a contaminación atmosférica. Apostar polo transporte público, sen dúbida, tamén melloraría o caos de tráfico e a falta de estacionamentos que actualmente Ribeira padece por mor da mala planificación feita polo Partido Popular.

A deputada no Parlamento de Galiza, Rosana Pérez, cre que “estamos ante un PP e unha conselleira de Infraestruturas e Mobilidade que seguen coa súa política de propaganda pois chegan a dicir, sen rubor algún, que se incrementaron un 40% do número de rutas e un 70% as paradas. Está claro que os membros do Partido Popular non son usuarios do transporte público porque do contrario saberían que esas declaracións non son reais” lamentou.

Autobuses escolares ateigados e insuficientes

O servizo compartido, onde nas horas escolares os nenos e nenas que se dirixen ou volven dos centros escolares poden viaxar xunto con outras persoas usuarias, non debería ser un problema. O concelleiro, Luís Pérez Barral, detallou que están ocúpanse os autocares na súa totalidade con escolares provocando, na práctica, que as persoas que desexan coller o autobús non poidan facelo facendo que deban agardar ao seguinte autobús porque o que pasa vai con todas as súas prazas cubertas. Alén do anterior, os autobuses non teñen a capacidade para trasladar a todo o alumnado polo que é habitual que unha parte da mocidade que vive en Corrubedo, Olveira ou Artes teña que agardar para poder ir para a casa ao autobús que vén da Pobra. Este caso tamén se dá de maneira ocasional coa mocidade que vive en Aguiño.

Atrasos e autobuses que non pasan

Pérez Barral, explicou que tanto as persoas usuarias como o propio persoal da empresa de transporte lle teñen trasladado ao Bloque que os autobuses se atrasan ou mesmo non chegan a pasar nos horarios indicados por Monbus porque o tempo estipulado para facer o servizo é totalmente insuficiente. Dous exemplos ilustrativos son o traxecto Ribeira-Noia que, segundo o horario establecido por Monbús, faise en 45 minutos, algo imposíbel para un autobús ou o traxecto Aguiño-A Pobra do Caramiñal que sofre considerábeis atrasos nas horas punta, dado o maior volume de vehículos que hai na estrada.

Falta de información e accesibilidade

As persoas usuarias do transporte público transmitíronlle queixas ao BNG sobre a falta de información xeneralizada sobre as rutas e paradas, as marquesiñas carecen de horarios e a caseta de información da compañía nunca ten persoal de atención ao público. Segundo Pérez Barral, outro dos problemas importantes é a retirada de todos os autocares urbanos que prestaban servizo porque os actuais, máis altos e con máis escaleiras, está provocando serios inconvenientes a persoas maiores, persoas que presentan algún grao de discapacidade física ou mesmo a calquera persoa cun carro de crianza ou de compra.

Os problemas esténdese a toda a comarca

Pola súa banda, a deputada Rosana Pérez, explicou que hai un importante número de persoas que traballan en Santiago e viven na comarca da Barbanza e que rematan a súa xornada laboral ás 15:00 horas. Neste caso, vense obrigadas a tomar un autobús urbano ata a estación intermodal onde o autobús que vai para Ribeira sae ás 15,20 horas. “É practicamente imposíbel collelo e, polo tanto, é obrigado ter que agardar polo seguinte” agregou Pérez Fernández.  Ademais, os sábados non existen autobuses directos Ribeira-Santiago, cando si os había coa anterior concesionaria. A  viaxe indirecta dura case dúas horas, de maneira que o autobús que sae de Ribeira ás 8:00 da mañá chega a Santiago ás 10:00 horas, con retraso para calquera traballo que comece ás 9:00 horas.

Mención especial merece a Tarxeta Xente Nova posta en marcha Xunta de Galiza para, supostamente, poder viaxar gratis. Lamentamos que no canto de ofrecerlle á xente moza e ás persoas maiores as viaxes de maneira gratuíta, haxa que realizar o pagamento por adiantado e voltar ao mes seguinte a un caixeiro para recuperar os cartos das viaxes realizadas. “Este sistema dificulta a recuperación dos cartos e por riba fomenta a colaboración cunha entidade bancaria que cada vez conta con menos persoal e con menos oficinas de atención ao público” incidiu.

A deputada galega tampouco esquece a situación laboral do cadro de traballadores e traballadoras da empresa concesionaria Monbus. Pérez Fernández explicou que puideron comprobar que é completamente precaria por diversos motivos; non se cobren as baixas nin as vacacións dos condutores e condutoras polo que este traballo teñen que realizalo outros compañeiros e compañeiras en activo facendo máis horas das que lle corresponden, decrétanse xornadas de traballo partidas sen motivos aparentes ou nin se lles deixa tempo durante o tempo de traballo para ir ao baño.

Por todos estes motivos o BNG vai iniciar unha recollida de sinaturas en Ribeira a través da rede e presenta iniciativas a nivel parlamentar e municipal nas que esixirá que os responsábeis políticos do Concello de Ribeira e da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade resolvan os problemas que está rexistrando o transporte público, melloren a accesibilidade dos autocares, garantir a atención presencial ao público así como o cumprimento dos horarios para evitar prexuízos ás persoas usuarias.


Na imaxe: A deputada, Rosana Pérez, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños e os concelleiros de Ribeira Xosé Vázquez e Luís Pérez.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.