O BNG pídelle a Ruiz centrarse en parar os recortes no Ensino en vez de atacar á comunidade escolar

O Bloque Nacionalista Galego mostra o seu apoio, unha vez máis, á da comunidade escolar de Ribeira, especialmente ás ANPAS, ante os recentes ataques e descualificacións feitas por parte do goberno local.

Recriminamos que o Partido Popular acuse ás ANPAS “de querer confrontar” por desenvolver accións que perseguen, como único fin, defender o dereito básico de ter unha educación pública e unha atención de calidade para a rapazada.

Censuramos a actitude do goberno local por dedicarse a atacar á comunidade escolar no canto de traballar para deter a vaga de recortes que está aplicando o seu partido nos centros educativos de Ribeira, onde reduciron máis de 18 profesores e profesoras. O concelleiro do Bloque, Luís Pérez Barral, explicou que o goberno do Concello ten a obriga defender os intereses da veciñanza de Ribeira por riba dos intereses do Partido Popular “pero xa sabemos que prefire obedecer a Feijóo e atacar a comunidade escolar que lexitimamente actúa para defender un ensino público de calidade” argumentou Barral.

Desde o BNG consideramos que o alcalde e o seu equipo deberían poñerse a traballar e instar á Consellaría de Educación a reverter os recortes nos centros educativos do municipio, pois están provocando consecuencias negativas entre o profesorado e o alumnado, especialmente aquel que ten dificultades.

Pérez Barral dixo que se o rexedor estivese preocupado pola educación pública, tería reunido o Consello Escolar Municipal que leva anos sen convocarse, incumprindo a súa propia regulación. “Solicitamos que paren os ataques contra a comunidade escolar e convoquen ese órgano de decisión de inmediato para tratar asuntos tan importantes como as consecuencias dos recortes, as necesidades de cada centro para afrontar a pandemia, a coordinación entre os centros e o concello e outros asuntos de interese” concluíu.

Imaxe de capa: La Voz de Galicia. Marcos Creo

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.