O BNG pídelle a Portos aumentar o mantemento, limpeza e seguridade nos peiraos do concello

Non é a primeira vez que o BNG rexistra unha iniciativa para demandar maior mantemento, seguridade, limpeza ou investimentos nos portos do Concello de Ribeira. Ao longo dos últimos anos foron diversas as iniciativas presentadas polos nacionalistas para demandarlle a Portos de Galiza actuacións nos peiraos de Corrubedo, Palmeira, Aguiño ou Ribeira.

O concelleiro, Luís Pérez Barral, argumenta que non fai falla máis que dar unha volta polas instalacións e terreos portuarios do municipio sexa por Corrubedo, Castiñeiras, Palmeira, Aguiño ou Ribeira, para atopar farois fóra de servizo, ben por estaren fundidas ou por estaren rotas as conexións eléctricas, escaleiras de acceso rotas ou enferruxadas, algunha piques de desprenderse, varandas de protección completamente enferruxadas ou unha cantidade considerábel de lixo que moitas veces acaba no mar.

Pérez Barral cre que Portos de Galiza debería manter en boas condicións as instalacións portuarias “tanto por ser unha zona de traballo para os mariñeiros como por ser zonas de uso público para a veciñanza”. “Ser titular de terreos non só debe servir para ter os beneficios que lle reporta o cobro das taxas á hostalaría polas terrazas ou os beneficios por permitir a realización de actividades que se desenvolven nos seus terreos, por poñermos uns exemplos, senón que tamén debe selo para cumprir coas súas obrigas de mantelos en bo estado de mantemento e nunhas condicións axeitadas” argumenta Barral.

Lembramos que o Concello de Ribeira xa custea a limpeza e a iluminación dalgunhas zonas de titularidade portuaria por ser de interese xeral para a veciñanza do municipio, mais considera que o goberno debe esixirlle a Portos de Galiza que, de querer conservar a titularidade desas zona debe mantelas en condicións. No caso contrario, debería cederllas ao Concello de Ribeira para que sexa esta institución a que teña a titularidade para poder mantelas nunhas condicións óptimas. O señor Ruiz debería facerse menos fotos propagandísticas coa presidenta de Portos e coa conselleira do Mar e aproveitar as súas visitas a Ribeira para esixir máis mantemento das instalacións e terreos portuarios, maior seguridade para as embarcacións e a desafección dos terreos que non teñen uso portuario no canto de permanecer inmóbil ante a falta de investimentos.

Ante esta situación, o BNG rexistrou unha iniciativa no Concello de Ribeira para instar a Portos de Galiza a manter en boas condicións as instalacións, tanto portuarias como as que non o son, das que é titular no Concello de Ribeira así como axilizar a execución das demandas que se fan desde o sector pesqueiro. Do mesmo xeito poremos a situación en coñecemento do grupo parlamentar do Bloque para trasladar as demandas e necesidades do sector ao Parlamento de Galiza.

Un comentario en «O BNG pídelle a Portos aumentar o mantemento, limpeza e seguridade nos peiraos do concello»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.