O BNG pide unha reunión no Concello para tratar a situación do tráfico e a falta de aparcadoiros

O BNG pide unha reunión no Concello para tratar a situación do tráfico e a falta de aparcadoiros

Pérez Barral, cre que o goberno non fai nada para avanzar na mellora do tráfico, dos estacionamentos e dificulta que se reúna a Mesa de Peonalización

O pasado mes de abril, tras moitas peticións, reuníase a Mesa de Peonalización na que se trataron asuntos relativos ás rúas peonís e outros relativos ao tráfico rodado no municipio. Pasados máis de oito meses o goberno local non fixo nada do que se falou nesa reunión e evita reunir novamente este órgano decisorio malia existir solicitudes como a realizada pola asociación empresarial de Ribeira ou as diversas peticións formuladas polo BNG.

Segundo explicou o concelleiro, Luís Pérez Barral, “non son poucos os asuntos que se deberían tratar, a comezar polo caos circulatorio que o propio goberno local provocou por realizar obras sen unha axeitada planificación e por carecer dunha estratexia a longo prazo que permita avanzar na ordenación das rúas peonís e mellorar os aparcadoiros disuasorios que hai no centro urbano”.

Valoramos negativamente que Ribeira careza dun plan de transporte público, que o goberno evite avanzar na remunicipalización do aparcadoiro do Centenario para garantir que haxa estacionamentos suficientes a un prezo razoábel e que non se avance na peonalización de novas rúas. “Sabemos do proceder do alcalde ribeirense, amigo de prometer á lixeira cuestións que logo non vai cumprir, situación que xera malestar entre a poboación” asegurou Barral. Cremos que o goberno está dificultando o traballo que este órgano municipal debería ter para adoptar decisións que melloren o tránsito rodado e peonil.

No Bloque consideramos prioritario cumprir co acordo que se chegou cos comerciantes da rúa Rosalía de Castro para realizar a reforma dunha soa vez pero que “Ruíz incumpriu de maneira descarada”, ordenar os accesos e as cargas e descargas nas rúas peonís, aumentar e mellorar a sinalización dos aparcadoiros públicos, crear camiños escolares seguros e avanzar no calmado do tráfico.

Xestión pública do Centenario

Pérez Barral tamén se referiu á situación do aparcadoiro do Centenario para criticar a política privatizadora do PP que provocou un encarecemento nos prezos e un caos na xestión. Ante as declaracións feitas por Ruiz nas que se aseguraba que volvería privatizalo, o concelleiro nacionalista remarcou que o BNG oporase á súa privatización e defenderá a xestión pública do Centenario para poder poñelo a disposición da veciñanza con tarifas reducidas e bonificacións para aquelas persoas que merquen no comercio local. Esta medida, finalizou Pérez Barral, permitiría axudar ao comercio local a mellorar as súas vendas e tamén se aumentaría o número de estacionamentos públicos, algo moi necesario a día de hoxe.

Por todos estes problemas e ante a pasividade do goberno local para realizar accións que melloren a circulación, a ordenación das rúas peonís, a sinalización e mellora dos estacionamentos, o BNG pide convocar a Mesa de peonalización onde están representados múltiples colectivos para poder abordar estes asuntos.

Un comentario en «O BNG pide unha reunión no Concello para tratar a situación do tráfico e a falta de aparcadoiros»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.