Pérez Barral tende a man para chegar a acordos que beneficien á maioría da poboación
Desde o BNG ribeirense acabamos de solicitar a realización do “pleno do estado da cidade” para abordar os problemas que Ribeira e as súas parroquias afrontan en temas tan importantes como os recortes sanitarios e educativos, os problemas crecentes no tráfico e no transporte público ou a falta de mantemento, entre outros asuntos.
Os membros do grupo municipal, Luís Pérez Barral e Cruz Rivadulla Márquez, argumentaron a necesidade de realizar unha sesión plenaria na que falar dos asuntos que lle preocupan á veciñanza porque, segundo din, o goberno do PP segue de brazos cruzados e sen ideas de futuro.
“A orixe dalgúns problemas está nas decisións unilaterais que toma o goberno local e provocan malestar social como pasa en Aguiño coa reforma da rúa Castelao, mentres que outros xorden pola defensa decidida que fan dos intereses do PP por riba dos intereses veciñais mirando para outro lado ante os recortes nos centros educativos e sanitarios ou ante o incumprimento de horarios no transporte público” asegurou Rivadulla.
Cremos que o PP tamén descoida os asuntos importantes como o mantemento de parques, espazos e equipamentos públicos mentres gasta millóns de euros “en cemento e obras megalómanas”. Un exemplo disto é o caso do auditorio que pasou dos 2,5 millóns de euros con todo o mobiliario e equipamento necesario para o seu funcionamento a valer preto de 5 millóns de euros ou a pretensión de construír outro museo do mar na Barbanza. “Acaso cren que a prioridade da sociedade ribeirense neste momento é crear o 4º museo do mar da comarca?”.
Plan de resposta do BNG
O portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, anunciou que estamos traballando nun plan de resposta con medidas concretas e inmediatas para poder solucionar os problemas do día a día da poboación e que permitan desenvolver Ribeira aproveitando as súas potencialidades.
Pérez Barral avanzou os trazos xerais dalgunhas medidas nas que traballan como é paliar o ‘tarifazo’ que supón o recibo do saneamento nas familias, adopción de medidas para mellorar o tráfico e o transporte público, remunicipalizar o Centenario para ter máis estacionamentos, creación de novas zonas verdes ou un aumento do investimento nas parroquias.
“No BNG seguimos traballando coa vontade de chegar a acordos que sexan positivos para o conxunto da veciñanza pero para iso o goberno local debe cambiar a súa actitude, debe dialogar e consensuar os asuntos para facer posíbel que Ribeira saia da parálise na que teñen sumido o concello” concluíu Barral.