O BNG pide rematar o Centro Social de Carreira tras 10 anos de atrasos

É o emblema dun goberno fracasado, centrado nas grandes obras e incapaz de antender as necesidades veciñais

O BNG pide rematar o Centro Social de Carreira tras 10 anos de atrasos

O BNG rexistra iniciativas no Concello de Ribeira para esixir, unha vez máis, a finalización do centro social de Carreira que lle permita á veciñanza e ao tecido asociativo ter unha instalación moderna e funcional na que reunirse. É necesario rematalo para evitar que se sigan deteriorando unhas instalacións pagadas con fondos públicos e que posibilitarían que a veciñanza de Carreira dispoña dun espazo axeitado para poder desenvolver xuntanzas, actividades lúdicas e culturais.

Cómpre lembrar que as obras iniciáronse no ano 2012, sufrindo sucesivas paralizacións até chegar a 2016 onde se aproba unha partida de 266.377 euros para rematalo que nunca chegou a materializarse, ao igual que en 2019, cando se aproba destinar 295.580€ que tampouco se executa. Xa en febreiro de 2021 adxudicouse a obra de remate das instalacións interiores e exteriores por 260.000€ e un prazo de execución de oito meses. A día de hoxe segue sen executarse dita partida do orzamento e continua deteriorándose o xa construído.

Emblema dun goberno incapaz

Tras máis de 10 anos en obras e sen horizonte de finalización, o BNG móstrase moi crítico co deslexio do goberno local para dotar a Carreira dun centro social que dinamice a vida social da parroquia e responda ás necesidades da veciñanza e dos colectivos. O voceiro nacionalista, Xosé Vázquez Cobas, cre que eses 10 anos de atraso son “o emblema dun goberno fracasado, centrado nas grandes obras e incapaz de antender as necesidades veciñais”.

Vázquez Cobas lamenta que o goberno local discrimine as parroquias de Ribeira investindo pouco nelas para destinar miles e miles de euros ao centro urbano facendo obras que empeoran o caos no tráfico, reducen aparcadoiros e só aumenta o cemento, a herba de plástico e os palmitos. Ante esta circunstancia ademais de esixir a finalización do centro social, o BNG vai seguir recollendo propostas veciñais. Neste sentido, trasladaremos a pleno a necesidade de que se mellore a conexión á internet, se aumente a roza das cunetas e se instalen contedores para a reciclaxe de toda clase de residuos como vidro, pilas ou aceite usado. “Os veciños e veciñas das parroquias non poden ser veciños de segunda” concluíu Cobas.

Centro social CarreiraCentro social Carreira

Un comentario en «O BNG pide rematar o Centro Social de Carreira tras 10 anos de atrasos»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.