O BNG pide paralizar a construción “irregular” da depuradora de marisco en terreo de Portos en Castiñeiras

O proxecto non conta co apoio da veciñanza, nin cos permisos legais vixentes  e sitúase ao borde do litoral, espazo en proceso de rexeneración ambiental

A parlamentaria asegurou que a depuradora, dunha empresa privada, e situada  en Castiñeiras, Ribeira está causando alarma entre a veciñanza pola construción no porto e sobre todo por “unha obra no borde do litoral” que non conta coa licencia municipal preceptiva e polo tanto está incorrendo nunha “ilegalidade”.

Tras a resposta da presidenta de Portos de Galiza, Prado recriminou a  Susana Lenguas que  non utilice o galego nas súas respostas, cuestión sobre a que a titular de portos declinou pronunciarse.

Na súa intervención, Prado mostrou diversas fotografías para constatar a envergadura das obras e negar as afirmacións de Lenguas sobre a falta de impacto ambiental  da depuradora. Confirme hoxe, si Portos de Galiza vai continuar coa depuradora, algo que os veciños e veciñas reclaman porque non teñen ningún tipo de información a pesar de recoller centos de sinaturas opoñéndose a esta instalación.

“A depuradora será instalada nunha zona de fraxilidade paisaxística” e  súa localización lindeira coa liña costeira sitúase nun lugar en proceso de restauración e  rexeneración ambiental para uso público. Ademais, engadiu, está rodeada de espazos naturais como o parque das Illas Atlánticas e o complexo húmido de Corrubedo, explicou.

No proxecto, engadiu a nacionalista, non se prevé  a evacuación das augas residuais e no lugar non existe ningunha conexión á rede pública polo que o lavado de moluscos e tráfico de vehículos incidirán moi negativamente no medioambiente.

A deputada cualificou de “inxustificables”  as explicacións da Presidenta de Portos e lembrou que o concello de Ribeira aprobou unha resolución sobre o “incumprimento da lexislación urbanística vixente”. Instrumentos legais e informes negativos hai dabondo para que Portos de Galiza “paralice esta actuación”. Contan vostedes, recalcou Prado, coa “oposición dunha veciñanza que rexeita a utilización do peirao e a praia de Castiñeiras para unha depuradora de marisco no borde do litoral”, polo que volveu reclamar a “paralización da obra”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.