O BNG pide mellorar o firme, iluminación e limpeza dos aparcadoiros de Ribeira

Os nacionalistas critican que Ruiz Rivas dá como alternativa parcelas con fochancas, sen iluminación e cheas de sucidade


O BNG presenta unha iniciativa para o seu debate no pleno de Ribeira para que se mellore o acondicionamento dos aparcadoiros, nomeadamente o firme, a iluminación, a seguridade e a limpeza.


No BNG recibíronse numerosas queixas, e non fai falla máis que velos, para apreciar que se fai necesario realizar diversas melloras como son: rozar a vexetación que hai nos aparcadoiros das Avesadas, onde tamén hai que retirar cascallos, no de Coroso e no do Monumento.


Para o voceiro do BNG Xosé Vázquez Cobas “para que os aparcadoiros sexan unha alternativa útil e axeitada para que a veciñanza poida empregalos, hai que dotalos de servizos imprescindíbeis como é o de iluminación, acondicionamento do firme eliminando as fochancas, facendo especial atención a entradas e saídas, instalar algunhas papeleiras e unha adecuada sinalización”.



No referente á sinalización, o BNG proporá que se dote o municipio dunha sinalización clara e uniforme en toda a cidade, esta medida pretende evitar a situación actual de letreiros aleatorios en determinadas zonas da cidade e en emprazamentos pouco visíbeis. Neste sentido Vázquez Cobas defendeu que “desde o BNG imos propoñer que se instalen letreiros visíbeis e en puntos estratéxicos co fin de que as persoas que chegan a Ribeira saiban perfectamente como acceder a esas áreas de aparcadoiro”.


Desde o Bloque apuntan a que sempre se apostou por aumentar o número de aparcadoiros gratuítos pero en condicións axeitadas. O Bloque acusa ao goberno de Ruiz de querer tomarlle o pelo á xente e cualifican de “vergoñento” que o PP pretenda vender como unha alternativa para deixar o coche unha parcela sen iluminación que no inverno é unha lameira e no verán un terreo cheo de maleza e lixo.


Remunicipalización do Centenario


Pola súa banda, o concelleiro Luís Pérez Barral criticou a política do PP por privatizar o aparcadoiro provocando un encarecemento nos prezos e un caos na xestión. Pérez Barral fixo fincapé en que no BNG apóstase pola remunicipalización do aparcadoiro do Centenario con tarifas reducidas e bonificacións para aquelas persoas que mercan no comercio local. Esta medida, finalizou Pérez Barral, permitiría axudar ao comercio local a mellorar as súas vendas e tamén se aumentaría o número de estacionamentos, algo moi necesario sobre todo agora nos meses de verán no que a poboación aumenta.

Un comentario en «O BNG pide mellorar o firme, iluminación e limpeza dos aparcadoiros de Ribeira»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.