O BNG pide mellorar a limpeza e o mantemento de parques infantís e zonas verdes

Ribeira e as súas parroquias contan cun bo número de parques infantís e áreas de lecer que presentan un estado de conservación insuficiente, sobre todo após varios meses en desuso por mor das restricións para facerlle fronte á Covid-19. Desde o BNG somos conscientes de que a veciñanza é moi crítica coa situación na que se atopan algúns destes equipamentos porque existe un desleixo por parte do goberno local para evitar que o estado de conservación sexa tan malo.

Segundo informou o concelleiro Luís Pérez Barral, “os parques e áreas de lecer deterióranse máis co paso dos anos e tamén por non adoptar as medidas de conservación oportunas de maneira anual”. Após dous meses e medio sen poder empregar debidamente os parques infantís, áreas verdes e os parques biosaudábeis de maiores, o Concello de Ribeira debe facerlle unha posta a punto porque moitos presentan carencias importantes. Pérez Barral considera que “calquera persoa pode atopar en elementos de xogo infantís; partes rotas, limo acumulado polo paso do tempo, suciedade, ferruxe, valos de madeira sen pintar nin vernizar, zonas de xogos sen acolchar e un longo etcétera”. Tamén nas áreas verdes hai unha falta de planificación na roza da vexetación, pois é habitual atopar abundante vexetación que debería estar rozada para que a veciñanza poida desfrutar en condicións da área de lecer cando hai bo tempo.

Para o BNG, o Concello de Ribeira é consciente destas eivas, pois non é a primeira vez que o Bloque trae ao Pleno as deficiencias en zonas infantís e áreas de lecer, senón que tamén o teñen feito veciños e veciñas a título individual e mesmo clubs deportivos, ou as asociacións veciñais como a Asociación de Veciños de Carreira, a Asociación Social e Cultural de Bandaorrío ou a Asociación de Veciños de Oleiros, entre outros colectivos.

“Consideramos que este mantemento periódico debería realizalo a brigada de obras e máxime cando hai unha partida orzamentaria dentro do Plan Reactiva Ribeira para manter en bo estado o mobiliario urbano – papeleiras, bancos, mesas, varandas, etc – así como tamén dúas persoas para aumentar as zonas verdes” apuntou Barral.

Por todos estes motivos o BNG solicítalle ao Concello de Ribeira:

  • Facer unha limpeza e unha revisión do mantemento de todos os parques infantís, áreas verdes e parques biosaudábeis.

  • Cubrir algúns parques infantís para poder ser empregados todo o ano e dispoñer de variedade de xogos, tamén para crianzas con mobilidade reducida.

  • Que o Concello de Ribeira mellore a seguridade dos parques que están próximos a estradas.

  • Que o Concello de Ribeira faga unha posta a punto das zonas verdes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.