O BNG pide depurar responsabilidades pola vertedura na ría de Arousa

Pérez Barral: débese facer cumprir a lexislación e os culpábeis pagar a sanción correspondente

O pasado mes de outubro produciuse unha vertedura fuel de máis dun quilómetro de extensión na ría de Arousa e malia non afectar aos polígonos bateeiros grazas ás correntes mariñas e ás embarcacións de Salvamento, si chegou ás proximidades do parque nacional das Illas Atlánticas, concretamente á illa de Sálvora e á de Ons. Agora, pasado un tempo prudencial, o BNG rexistra iniciativas no Concello de Ribeira e no Parlamento galego ao ver que, nin Xunta nin Concello de Ribeira, están facendo nada para depurar as responsabilidades que sexan precisas sobre ese episodio contaminante.

Nos primeiros momentos todo parecía indicar que a vertedura procedía dun sentinazo, pero logo da investigación do Servizo de Protección á Natureza (Seprona), esta posibilidade ficou desbotada concluíndo que proviña dunha industria conserveira e saíu polo emisario submarino do Touro após pasar por varios tanques de tormenta.

Cremos que a realidade das rías galegas e, en particular, a da ría da Arousa é que presenta un nivel de verteduras que mina continuamente os recursos naturais da zona e que teñen un gran impacto no entorno dunha área extremadamente sensíbel dende o punto de vista produtivo e medioambiental.

O concelleiro, Luís Pérez Barral, aclarou que as investigacións da administración galega sinalaron que a ría de Arousa foi no ano 2019 a que máis verteduras rexistrou con carga microbiolóxica ou química tóxica. “Non se pode esquecer que neste espazo tan privilexiado en termos produtivos desenvolven habitualmente o seu traballo preto de 2000 embarcacións de baixura e marisqueo a frote, milleiros de bateeiros e mariscadoras a pé, aos que hai que sumar a riqueza que de xeito inducido xera a actividade extractiva no mar noutros segmentos da actividade económica” acrecentou o edil. 

No caso do emisario submarino de Touro, aínda están preto os episodios contaminantes que se produciron en varias ocasións polo seu deterioro e por non cumprir as súas funcións de depuración e dilución, mesmo algún deles foi, no ano 2007, obxecto de sentenza xudicial contra o Concello de Ribeira por afectar a un polígono de bateas. Dende que entrou en funcionamento a EDAR de Ribeira, os documentos oficiais recollen que o emisario debería evacuar as augas residuais depuradas do polígono de Xarás e, no caso dun fallo na depuradora, debera aliviar de emerxencia e evitar que as augas residuais sen depurar cheguen ao mar. Para o Pérez Barral, esta situación fai “máis palpábel que nunca”, a proposta que sempre foi defendida polo BNG; que o polígono industrial de Xarás precisaba e precisa dunha depuradora específica que evite a contaminación mariña.

Segundo o edil nacionalista, “faise evidente que a contaminación da ría e os mecanismos de control e contención seguen a ser insuficientes para evitar que se sigan a dar episodios contaminantes na ría e iso, após investimentos multimillonarios por parte das distintas administracións públicas”. Segundo argumenta, este episodio contaminante demostrou que o sistema de depuración fallou e non houbo maneira de que a vertedura fose controlada antes de que afectara ao medio mariño.

Pérez Barral cre que na actualidade existen sistemas técnicos, ferramentas suficientes e mesmo unha investigación do Seprona, para dar cos responsábeis e poderlles aplicar a sanción correspondente á infracción cometida. “A día de hoxe nin a Xunta de Galiza, nin o Concello de Ribeira, explicaron cal vai ser a súa actuación ante este grave feito; nin se abriron expedientes para dilucidar o acontecido, non se sabe se van ou non esixir responsabilidades e, de ser o caso, establecer as sancións correspondentes” detallou.

Por outra parte, o plan territorial de continxencias por contaminación marítima de Galiza (Plan Camgal), aprobado pola Xunta de Galiza no ano 2006 e actualizado no 2012 e no 2016, demanda dos concellos plan locais dende 2017, nos que se deben sinalar os riscos, as zonas vulnerábeis e os medios necesarios diante de verteduras contaminantes ou tóxicos co obxecto de garantir a saúde da poboación, a conservación do medio natural e a seguridade dos bens e servizos dos concellos. Estamos en 2021 e o Concello de Ribeira segue carecendo deste importante documento.

Cumprimento da lexislación ambiental e sancións

Por todos estes motivos, o BNG rexistrou unha batería de iniciativas tanto no Concello de Ribeira para que o concello informe sobre as accións realizadas até a actualidade para depurar responsablidades e facer que se cumpra a lexislación ambiental e impedir que se volte a producir unha situación semellante. Así mesmo, os nacionalistas instarán ao goberno local a poñerse a traballar nun plan de continxencias por contaminación marítima, documento que Ribeira aínda non ten malia ser obrigatorio desde 2017.

Por outra banda a deputada do Bloque, Rosana Pérez,  esixirá que a Xunta abra un expediente sancionador contra a industria que provocou este grave episodio de contaminación e realice un estudo que avalíe a conveniencia de facer unha depuradora específica para o polígono de Xarás.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.