O BNG pide atender as demandas do Conservatorio e retomar a escola de música

Desde o BNG imos realizar diversas iniciativas a nivel local para tratar de que o Conservatorio Profesional de Música “Enrique Paisal” vexa melloradas as súas instalacións e se lle aumenten os contratos e horas ao profesorado para poder atender a demanda do alumnado. Así o avanzou o concelleiro, Luís Pérez Barral, tras a reunión mantida coa dirección do centro, na que tamén participaron os membros do Consello Local, Cruz Rivadulla e Vicente Paz.

Pérez Barral asegura que o centro precisa unha reforma integral de maneira urxente que permita a insonorización das aulas que eviten o ruído do tráfico ou atallar as humidades e o frío que rexistra no inverno e as altas temperaturas que se rexistran coa chegada do bo tempo. “Non son pequenas manchas, estamos falando de que a humidade se estende polos tres andares e provoca a aparición de fungos que poden prexudicar a saúde do alumnado e do profesorado”.

Outra das problemáticas que ten o Conservatorio é que a maior parte do profesorado está contratado por debaixo das 30 horas o que provoca serios inconvenientes á hora de impartir as aulas, tendo que aglutinar tantos instrumentos como poden nunha mesma aula para os cales non existe repertorio común ou, simplemente, o seu conxunto non ten un interese nin musical nin didáctico para o alumnado.

Desde o Bloque pedirémoslle ao goberno local que, ademais de aumentar as horas do profesorado, se contrate un especialista en pedagoxía infantil co que retomar a escola de música. Segundo Barral, hai demanda por parte das familias e a contratación deste especialista facilitaría a incorporación das crianzas desde os tres anos a 6 anos ao ámbito musical.

O nacionalista, Luís Pérez, mostrou o apoio a todas as demandas formuladas polo equipo directivo e trasladou o recoñecemento do BNG ao profesorado do conservatorio do que gabou a súa implicación e profesionalidade. “Grazas a eles este centro é unha referencia pois ademais das persoas de Ribeira, asisten persoas da Barbanza e mesmo doutros puntos de Galiza”. Barral explicou que farán traballo para que o goberno local atenda estas necesarias peticións que permitan aumentar a calidade educativa deste centro e tamén porán o tema en coñecemento do seu grupo parlamentar para, se for preciso, trasladalo á Cámara galega.

Un comentario en «O BNG pide atender as demandas do Conservatorio e retomar a escola de música»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.