O BNG pide a actuación integral nos aparcadoiros das Avesadas e remunicipalizar o Centenario

O BNG mostrou a súa satisfacción polo inicio dunhas obras moi demandadas pola veciñanza ribeirense como é a adecuación dos aparcadoiros das Avesadas.

Segundo apunta o portavoz da formación, Luís Pérez Barral, “estas obras para mellorar os aparcadoiros son froito do traballo e da insistencia do BNG, posto que o Partido Popular aseguraba que non se podían facer. O tempo deunos a razón”. Malia todo, Pérez Barral lamentou que o goberno local paralizase durante dous anos a obra e non vaia poñerse iluminación, nin árbores, dúas cuestións que si incluían as propostas presentadas polo BNG.

“Imos solicitar que se poña iluminación para as noites e se planten árbores para dar sombra aos vehículos facendo máis axeitado o espazo para deixar os vehículos” declarou.

Xestión pública do Centenario

Pérez Barral tamén se referiu á situación do aparcadoiro do Centenario para criticar a política privatizadora do PP que provocou un encarecemento nos prezos e un caos na xestión. O concelleiro remarcou que o BNG defenderá a xestión pública do Centenario para poder poñelo a disposición da veciñanza con tarifas reducidas e bonificacións para aquelas persoas que merquen no comercio local. Esta medida, finalizou Pérez Barral, permitiría axudar ao comercio local a mellorar as súas vendas e tamén se aumentaría o número de estacionamentos públicos, algo moi necesario a día de hoxe.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.