O BNG pedirá estudar trazados alternativos para a circunvalación de Ribeira

Variante Ribeira. O BNG propón estudar trazados alternativos

O grupo municipal do BNG mantivo no día de onte unha reunión con representantes do colectivo de afectados polo trazado da circunvalación de Ribeira que promove a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade.

Na xuntanza os concelleiros nacionalistas atenderon as demandas do colectivo que alegou múltiples inconvenientes do trazo proxectado pola Xunta como son o alto impacto ambiental que tería ao mover 330.000 m³ de terra e a contaminación acústica e o impacto social pola afección que se prevé nas vivendas do lugar de Cruxeiras ou nas instalacións públicas como a escola infantil municipal e varios centros educativos. Ademais do impacto social e ambiental, existen tamén erros de trazado ao se contemplaren curvas de 90 graos e pronunciados desniveis.

O voceiro nacionalista, Xosé Vázquez Cobas, trasladoulle o compromiso do BNG por estudar alternativas ao trazado proposto pola Xunta propoñendo que se avalie, mediante a realización dun estudo independente, o trazado proposto pola Xunta de Galiza, o proxecto feito por un arquitecto rianxeiro que obtivo o premio OvisaVISA que concede a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños Canais e Portos da Coruña e se estude a posibilidade de mellorar a estrada CP-7301 que une Xarás con Frións e Carreira.

Desde o BNG consideran importante facer un estudo no que se valore a reforma da estrada de Frións para facer dela a circunvalación que Ribeira precisa. Os argumentos esgrimidos polos nacionalistas son que esta alternativa tería menor impacto ambiental ao non ter que facer grandes movementos de terra, tería menor impacto social ao non afectar a núcleos habitados e sería máis económica pois só habería que mellorar o trazado existente mediante o suavizado de curvas e a construción de carrís de subida e baixada adicionais.  Esta proposta de facer a circunvalación por Frións tamén lle daría servizo a poboacións como Carreira e Aguiño xa fora trasladada polo Bloque en diferentes ocasións no Parlamento de Galiza.

Tanto Xosé Vázquez Cobas como Luís Pérez Barral argumentaron que dispoñer dun estudo independente que avalíe os tres trazados alternativos permitiría tomar unha decisión con maiores argumentos e coñecementos para non comprometer o futuro de Ribeira. “Ribeira leva décadas agardando por unha circunvalación que resolva o caos circulatorio que o Partido Popular provocou co seu mal facer no planeamento urbanístico, agardar uns meses máis non é malo se con iso se escolle o mellor proxecto desde o punto de vista social, ambiental e económico” finalizou.

2 comentarios en «O BNG pedirá estudar trazados alternativos para a circunvalación de Ribeira»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.