O BNG mantén xuntanza coa hostalaría e insta a Portos a anular as taxas abusivas ás terrazas

A deputada e candidata do BNG, Montse Prado mantivo un encontro co sector hostaleiro para abordar o  incremento das  taxas da Xunta a veladores na zona portuaria que  ocupan un maior espazo  como  obriga o distanciamento  da  COVID-19


Prado acusa a Portos de Galiza practicar unha “ manobra especulativa ”  ao cobrar dez veces máis que os concellos polas terrazas.


A candidata do BNG, Montse Prado mantivo hoxe un encontro con representantes da hostalaría de Ribeira, A Guarda, Fisterra, O Grove, Ningrán, Moaña e Poio,  “un dos sectores máis prexudicados pola crise da COVID-19” con establecementos en terreos aos que Portos de Galiza pretende aplicar “unhas taxas abusivas”. En representación da hostalaría ribeirense estivo Antonio Lijó, directivo da Asociación de Empresarios e Empresarias de Ribeira e a responsábel do BNG na Barbanza Elvira Blanco.


No encontro telemático, Prado puxo de releve que a crise da Covid-19 obrigou a  modificar as condicións de traballo destes negocios  coa redución de número de mesas e aforos interiores dos locais. Para a candidata, esta circunstancia   fai imprescindíbel o uso das terrazas para manter os negocios e os postos de traballo directos e indirectos vencellados ao sector e resulta  “ incomprensíbel” que a Xunta de Galiza en vez de axudar ao sector  anulando as taxas mentres duren os efectos da pandemia e non se normalice a situación, decide seguir “cobrándoas e incrementando a recadación” por utilizar un  maior  espazo para manter as distanzas de seguridade.


A nacionalista asegura que as  taxas que cobra Portos de Galiza son “abusivas” e mesmo supera en dez veces as aplicadas polos concellos. Os negocios ubicados nestes espazos, engade Prado,  teñen unha ampla dependencia do período estival e como confirmaron os representantes da hostalería de Fisterra,  30 metros cadrados custan 500 euros e nas  terrazas cubertas o prezo ascende a 12.500 euros por seis meses. Desde o BNG, recalcou a candidata, “compartimos o malestar do sector e facémonos  eco das súas xustas demandas” polo que instou a  Portos de Galiza a deixar  “sen efecto” o cobro desas taxas de ocupación mentres non se normalice a situación.


Prado lamenta  que Portos de Galiza,  lonxe de comportarse como unha administración que traballa para solucionar os problemas dos colectivos cos que ten relación, se mova por ” puro afán desmedido por facer caixa”, e  “unha falta total de diálogo co colectivo”.


Para a nacionalista, o PP mantén “unha postura escapista” e fuxe  das súas obrigas cando resulta, máis necesario que nunca, apoiar ao  sector  da hostalaría e non  “abafalo” aínda máis  cunhas taxas de ocupación do espazo público desmesuradas, que pode levar ao peche de numerosos locais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.