O BNG logra a unanimidade do Pleno para reclamar melloras no transporte público e abrir o apeadoiro de autobuses

O pleno ordinario de outubro de 2027 abordou o seguintes asuntos:

Proposta do BNG para mellorar o transporte público e abrir o apeadoiro de Ribeira. O Pleno da Corporación Municipal de Ribeira aprobou por unanimiade a iniciativa do Bloque para reclamar melloras no transporte público regular e escolar, impulsar unha conexión directa por autobús coa estación de ferrocarril de Catoira e realizar as xestións necesarias para reabrir o apeadoiro de autobuses con todas as garantías. A moción, defendida polo exalcalde e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, fora presentada en setembro e debateuse finalmente no pleno deste mes debido á demora do Goberno municipal na tramitación dos asuntos plenarios.

Pérez Barral advertiu da necesidade de actuar ante unha situación que afecta diariamente a numerosas persoas usuarias do transporte público, ás familias, ao estudantado e aos traballadores e traballadoras do municipio. “Ribeira necesita un transporte público digno, fiable e adaptado ás necesidades da veciñanza. Non podemos normalizar as deficiencias das liñas regulares, os problemas do transporte escolar nin que sigamos sen unha conexión directa coa estación de tren de Catoira”, sinalou.

O exrexedor lembrou que, en xullo de 2024, o conselleiro de Presidencia anunciara unha nova licitación da concesión do transporte regular da comarca, despois de anos de queixas cidadás polos incumprimentos e deficiencias do servizo. O BNG trasladara reiteradamente estas demandas ao Parlamento galego até que finalmente a Xunta de Galiza lle concedeu a liña novamente a Monbus en setembro deste ano 2026 por 13,6 millóns de euros. Todo isto a pesar de que a empresa acumula numerosas queixas das persoas usuarias e fora condenada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a pagar unha penalización á Administración autonómica por incumprimentos contractuais.

“Non abonda con dicir que se van estudar as propostas se despois se rexeitan necesidades tan importantes como que os autobuses pasen en hora ou conectar Ribeira coa rede ferroviaria. Estamos a falar de facilitar os desprazamentos da veciñanza e do estudantado ás principais cidades galegas, reducir a dependencia do coche particular e ofrecer unha alternativa máis económica e sostible”, afirmou Pérez Barral.

Caos no inicio do curso escolar

A esta situación súmanse os problemas rexistrados no transporte escolar de Ribeira ao comezo do curso 2026-2027. Tal e como denunciamos dende o BNG e recoñeceu o goberno local, Monbus iniciou o curso sen cumprir a obriga de subrogar o persoal de condución e acompañamento das liñas escolares do municipio, o que provocou un conflito laboral, atrasos diarios, desorganización nas paradas das distintas parroquias e preocupación entre as familias e as asociacións de nais e pais do alumnado.

“Quero mostrar o apoio do BNG ao persoal que fai ben o seu traballo pero non pode atender todo pola falta de medios. Con esta iniciativa queremos mostrar o noso apoio para que o transporte escolar funcione con normalidade desde o primeiro día. As familias precisan garantías e organización, e o persoal ten dereito a que se respecten as súas condicións laborais. O Concello debe implicarse e esixir solucións para que esta situación non volva repetirse”, defendeu o portavoz nacionalista.

Apeadoiro de bus

O BNG tamén recriminou que coa chegada do PP ao goberno local, pecharon o apeadoiro facendo que as persoas usuarias poidan dispoñer dun espazo cuberto no que resgardarse da chuvia e do vento, así como dos baños públicos cando baixo o goberno de Pérez Barral estaba aberto de 8:00h a 23:00 horas. “Resulta incomprensible que unha infraestrutura na que o Concello investiu máis de 350.000 euros permaneza pechada durante tanto tempo. Non ten sentido investir cartos públicos nunha infraestrutura necesaria para a veciñanza e mantela pechada durante meses. Hai que resolver os problemas que existan e reabrila con garantías canto antes”, reclamou.

O portavoz do BNG valorou o acordo unánime da Corporación como un respaldo ás demandas das persoas usuarias e á necesidade de mellorar un servizo esencial para a mobilidade e a calidade de vida da veciñanza. O acordo inclúe reclamar solucións ás incidencias do transporte regular e escolar, realizar as xestións necesarias para garantir a apertura do apeadoiro e instar a Xunta de Galiza a mellorar a conexión de transporte público coa estación de ferrocarril de Catoira.

“Agardamos que esta unanimidade se traduza en feitos. O importante non é aprobar as propostas, senón que se resolvan os problemas que sofre a veciñanza. Ribeira necesita un transporte público á altura das necesidades do municipio e institucións que traballen para conseguilo”, concluíu Luís Pérez Barral.

 

O BNG defende unha residencia accesible, conectada e integrada na vida de Ribeira ante os pasos do PP para levala ao monte de San Roque


Outro dos puntos tratados foi un co que o goberno local dá un novo paso para solicitarlle á Xunta a devolución do terreodas Saíñas cedido no seu día polo Concello. O obxectivo do PP é impedir a construción da residencia pública de maiores nas Saíñas facendo que a única opción para construír esa infraestrutura sexa o monte de San Roque. Ante esta situación o exalcalde e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, advertiu de que esta decisión suporía illar as persoas maiores no medio do monte, nun espazo con pendentes, sen beirarrúas e sen transporte público.

“O PP de María Sampedro pretende expulsar e illar as persoas maiores no monte algo que a maioría da veciñanza de Ribeira rexeita de plano”, afirmou Pérez Barral durante a súa intervención no pleno, na que contrapuxo as condicións de accesibilidade das Saíñas coas dificultades que presentaría de San Roque.

O portavoz nacionalista lembrou que nas Saíñas existe unha parcela conectada co transporte público e co paseo de Coroso, na que xa se investiron 800.000 euros. Trátase, segundo explicou, dunha localización que permitiría ás persoas residentes saír pasear, relacionarse coa veciñanza e recibir as visitas das súas familias con normalidade, favorecendo a súa autonomía e integración na vida cotiá de Ribeira. “As persoas maiores son quen sacaron a diante as nosas familias e ergueron Ribeira co seu traballo e co seu esforzo, o mínimo que podemos facer por eles é darlles cariño e garantirlles coidados e un fogar que non os aparte”, manifestou.

Pérez Barral cuestionou as falacias empregadas polo Partido Popular para xustificar o cambio de localización e reclamou rigor e documentación que avalen a decisión. Aducen a posibles riscos de asolagamento pero se comparamos a situación da parcela das Saíñas, está a máis metros sobre o nivel do mar que a residencia do Malecón, que se sitúa a 3,20 metros por riba do nivel do mar. “Hai que ser rigorosos e sosterse en informes. Cando se toman decisións sen as garantías necesarias, as consecuencias poden ser moi graves”, advertiu, lembrando o caso da gasolineira de Xarás, cuxa licenza acabou derivando na demolición das instalacións e nunha posible responsabilidade económica de ata catro millóns de euros para o Concello.

Un ano despois da moción de censura, a residencia segue sen avances

O exalcalde tamén puxo o foco no balance do goberno local cando se cumpre un ano da moción de censura: “un ano despois, cal é o balance? Non hai terreo cedido á Xunta, non hai proxecto e tampouco aparece o orzamento nas contas da Xunta para 2027. O resultado é un atraso nunha infraestrutura que lle fai moita falta a Ribeira e á comarca da Barbanza”, denunciou. Advertiu de que apostar por San Roque implicaría volver iniciar os trámites desde cero, co conseguinte risco de prolongar durante anos a espera por unha residencia pública que considera imprescindible para atender as necesidades da poboación maior.

O BNG volve tender a man

Fronte a esta situación, o BNG ofreceuse novamente a colaborar para facer posible a residencia pública nas Saíñas que podería comezar as obras en poucos meses. Pérez Barral reclamou ao goberno local que retire a proposta de San Roque e convoque unha mesa de traballo conxunta na que participen o executivo municipal, os grupos da oposición e a Consellería de Política Social.

“Volvo tenderlle a man ao goberno local. Retiren a proposta de San Roque, sentémonos hoxe mesmo nunha mesa de traballo conxunta e vaiamos da man esixir á Xunta que constrúa a residencia pública nas Saíñas, onde xa se investiron os cartos e onde a veciñanza a necesita”, propuxo.

O portavoz nacionalista insistiu en que o obxectivo debe ser garantir un equipamento público accesible, integrado na vila e que permita ás persoas maiores manter os seus vínculos sociais e familiares. “A min e ao BNG sempre nos atoparán en todo canto beneficie a Ribeira e á súa veciñanza. A miña man segue e seguirá totalmente aberta”, concluíu o exrexedor.

 

Outros asuntos tratados no pleno:

A.- Proposta sobre o acoso escolar. Aprobada por unanimidade coas achegas feitas polo BNG

Con respecto a este punto dende o BNG defendemos que Cerqueira debe converterse nun espazo público, polivalente e aberto á veciñanza, que preserve a memoria mariñeira e conserveira de Ribeira e dinamice o barrio de Banda ao Río. Tras impulsar en 2021 a protección patrimonial da antiga fábrica e promover a súa compra desde o goberno encabezado por Luís Pérez Barral, o BNG considera prioritario resolver a concesión de Costas para que o terreo pase a ser integramente municipal. A proposta pasa por rehabilitar e musealizar o edificio, incorporar usos culturais, sociais, veciñais e deportivos e contar coa participación das asociacións e da cidadanía na definición das actividades. O proxecto forma parte dunha transformación integral de Banda ao Río, planificada baixo a Alcaldía de Luís Pérez e que permitiu captar 6,5 millóns de euros de fondos europeos, a maior cantidade conseguida na historia de Ribeira, e mobilizar máis de 10 millóns de euros en actuacións.

B.- Solicitude de concesión administrativa do terreo de dominio público marítimo-terrestre da nave de Cerqueira. Aprobado por unanimidade

C.- Adhesión do Concello de Ribeira á “Rede de concellos contra o cancro” promovido pola AECC e a Deputación da Coruña. Aprobado por unanimidade

D.- Proposta sobre a prevención do acoso escolar e o benestar emocional da infancia e adolescencia. Aprobado por unanimidade

A concelleira do BNG, Cruz Rivadualla, defendeu que a prevención do acoso e do ciberacoso escolar debe implicar o conxunto das administracións, a comunidade educativa e as entidades sociais. Por iso, impulsou emendas á proposta municipal para ampliar as accións de sensibilización sobre a saúde mental e o benestar emocional da infancia e da adolescencia, apoiar e dar visibilidade ás asociacións que traballan neste ámbito e promover unha resposta integral aos problemas que afectan á mocidade. O obxectivo é reforzar a prevención, favorecer a detección temperá e ofrecer apoio tanto ás vítimas como ás persoas implicadas.

As emendas do BNG tamén incorporan o compromiso de apoiar e desenvolver medidas concretas contra o acoso e o ciberacoso, como talleres e charlas de sensibilización, formación específica para o monitorado deportivo e creación de zonas libres de acoso nos espazos públicos. Aínda que as principais competencias corresponden á Xunta e aos centros educativos, o BNG considera que Ribeira debe asumir un papel activo na prevención e na protección da infancia e da adolescencia, traballando en colaboración coas entidades municipais para avanzar nunha contorna máis segura, inclusiva e respectuosa.