O BNG levará ao Parlamento as demandas da veciñanza afectada pola circunvalación de Ribeira

Variante Ribeira. O BNG propón estudar trazados alternativos

A deputada, Rosana Pérez Fernández, e o voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas, mantiveron no día de onte unha reunión con representantes do colectivo de afectados polo trazado da circunvalación de Ribeira que promove a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade.

Na reunión os representantes públicos do Bloque atenderon as demandas do colectivo que alegou múltiples inconvenientes do trazo proxectado pola Xunta como son o alto impacto ambiental que tería ao mover 330.000 m³ de terra, a contaminación acústica e o impacto social pola afección que se prevé nas vivendas do lugar de Cruxeiras ou nas instalacións públicas como a escola infantil municipal e varios centros educativos. Ademais do impacto social e ambiental, existen tamén erros de trazado ao se contemplaren curvas de 90 graos e pronunciados desniveis.

Desde a plataforma veciñal, recriminan que o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, pretenda boicotear o estudo de trazados alternativo. Entenden que o Ruiz está dilatando os prazos á espera de que a Xunta resolva as alegacións para poder dicir despois que o devandito estudo é xa innecesario.

A deputada, Rosana Pérez Fernández, confirmou que o compromiso do BNG pasa por estudar alternativas ao trazado proposto pola Xunta mediante a realización dun estudo independente, que a avalíe o trazado proposto pola Xunta de Galiza, o proxecto feito por un arquitecto rianxeiro que obtivo o premio OVISA que concede a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños Canais e Portos da Coruña e a proposta feita polo BNG de mellorar a estrada CP-7301 que une Xarás con Frións e Carreira.

A deputada nacionalista confirmoulle á plataforma veciñal a súa disposición de trasladar o asunto ao Parlamento de Galiza. Neste sentido Pérez Fernández denunciou a demora na resolución das alegacións feitas ao proxecto da Xunta e requirirá información sobre o prazo que manexa o executivo galego para resolvelas.

Alternativa por Frións
Desde o BNG incidimos na necesidade de facer un estudo no que se valore a reforma da estrada de Frións para convertela na circunvalación que Ribeira precisa. Os argumentos esgrimidos por Pérez Fernández son que esta alternativa presentada polo Bloque tería menor impacto ambiental ao non ter que facer grandes movementos de terra, tería menor impacto social ao non afectar núcleos habitados e sería máis económica por ter só que mellorar o trazado existente mediante o suavizado de curvas e a construción de carrís de subida e baixada adicionais. Esta proposta, de facer a circunvalación por Frións, tamén daría servizo a poboacións como Carreira e Aguiño e xa fora trasladada polo Bloque en diferentes ocasións no Parlamento de Galiza.

Tanto Xosé Vázquez Cobas como Pérez Fernández argumentaron que dispoñer canto antes dun estudo independente que avalíe os tres trazados alternativos permitiría tomar unha decisión con maiores argumentos e coñecementos para non comprometer o futuro de Ribeira. “Ribeira leva décadas agardando por unha circunvalación que resolva o caos circulatorio que o Partido Popular provocou co seu mal facer no planeamento urbanístico, agardar uns meses máis non é malo se con iso se escolle o mellor proxecto desde o punto de vista social, ambiental e económico”.

Un comentario en «O BNG levará ao Parlamento as demandas da veciñanza afectada pola circunvalación de Ribeira»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.