O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistra unha iniciativa parlamentaria para denunciar as deficiencias en materia de accesibilidade do Centro de Saúde de Corrubedo, no concello de Ribeira, e reclama á Xunta de Galiza actuacións que garantan o acceso universal ás instalacións.
A deputada do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, alerta de que na actualidade “para acceder ás consultas médicas e ao mostrador de atención é necesario subir unhas escaleiras interiores, sen que exista ningunha alternativa adaptada como unha rampla ou un sistema salvaescaleiras”. Unha situación que cualifica de “inaceptábel nun servizo público esencial como é a sanidade”.
Pérez subliña que esta realidade supón “unha vulneración clara do dereito á accesibilidade universal”, afectando especialmente ás persoas con mobilidade reducida, ás persoas maiores ou a quen emprega cadeira de rodas. “Non se pode consentir que, en pleno século XXI, haxa persoas que non poidan acceder con normalidade ao seu centro de saúde”, engadiu.
Ademais, a deputada nacionalista denunciou que son “os propios profesionais sanitarios ou as persoas acompañantes quen teñen que subir e baixar a man ás persoas con mobilidade reducida”, algo que considera “indigno e impropio dun sistema sanitario público que debe garantir a igualdade de trato”.
Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG en Ribeira e exalcalde, Luís Pérez Barral, puxo o foco na importancia deste centro sanitario para a veciñanza. “O Centro de Saúde de Corrubedo presta servizo a veciñas e veciños de Corrubedo, Olveira e Artes, polo que propoñemos que se manteña en boas condicións”, afirmou.
Barral reclamou que se actúe para eliminar as barreiras arquitectónicas existentes e dotar o centro dos investimentos necesarios. “A loita da veciñanza fixo que a Xunta non pechase este centro e a Xunta debe investir recursos para garantir un dereito básico como é o acceso á sanidade pública en condicións de igualdade”, destacou.
A iniciativa do BNG solicita á Xunta a elaboración e execución dun plan de actuación que inclúa a instalación dunha rampla accesible, un sistema salvaescaleiras ou calquera outra solución técnica que permita eliminar as barreiras existentes.
Así mesmo, demanda a consignación de partidas orzamentarias suficientes para acometer as actuacións necesarias que melloren o estado xeral de conservación, mantemento e modernización do centro.
“É unha cuestión de vontade política”, concluíu Rosana Pérez, quen insta ao Goberno galego a “cumprir coa normativa vixente e garantir que todos os espazos e servizos públicos sexan accesíbeis para o conxunto da veciñanza”.


