O BNG leva a pleno destinar 1 millón de euros para o club de remo e a nova biblioteca

Ribeira conta actualmente cun Club de Remo desde xuño do ano 2013 e desde aquel ano até a actualidade foron moitos os problemas que tiveron que afrontar incluíndo varias mudanzas de localización mais sempre foron aumentando o número de remeiras e remeiros. Nos últimos anos, non só se incrementou o número de persoas socias e remeiras – actualmente chega ás 200 persoas que teñen relación co club -, senón que tamén se están acadando importantes trofeos como o de Campioas da Liga Galega de traíñas e terceira posición xeral na Bandeira da Concha en 2018, primeiro posto na Bandeira de Campioas de España, subcampionato Galego, subcampionato de España, subcampionato da Deputación, Bandeira Teresa Herrera e a clasificación como único equipo Galego na Bandeira da Concha coa sétima posición.

“En non poucas ocasións escoitamos por parte dos responsábeis políticos que Ribeira é mar e a súa historia está ligada con el e desde logo no BNG cremos que isto é así, por iso cremos que desde o Concello de Ribeira se debería fomentar os deportes náuticos” asegura o concelleiro Luís Pérez Barral. “Outras localidades están facendo fortes apostas para dotar os seus clubs de boas instalacións deportivas nas que se fomenta a actividade deportiva” agrega.

Ribeira conta na actualidade con varios campos de fútbol tanto de herba natural como sintética e un completo complexo deportivo como A Fieiteira con piscina, ximnasio, pavillón, campos de fútbol, circuito pump truck e en breve cun módulo cuberto de atletismo. Todo isto contrasta coas escasas instalacións deportivas destinadas ao fomento e realización dos deportes náuticos e provoca que clubs como o de remo teñan que estar emprazados nunhas instalacións moi deficientes con goteiras, humidades, frío, inexistencia de vestiarios, auga quente, espazos de estudos, etc.

Ademais do anterior, a biblioteca municipal é un servizo público de existencia obrigatoria especificada na Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local e malia isto, o Concello de Ribeira non conta cunhas instalacións axeitadas pois o espazo actual comparte espazo de lectura, aula para o estudo, sala de informática e espazo para celebración de actividades. Desde o BNG entendemos que a falta de espazo para acoller diversas salas nas que dividir as súas actividades provoca serias molestias ás persoas que empregan este servizo público, ademais a súa localización enriba dun local con actividade musical tamén provoca ruído que molesta ás persoas usuarias.

A biblioteca debe ser un servizo cuxa finalidade sexa a de facilitarlle á cidadanía o exercicio do dereito á cultura e á información, polo tanto, debe ofrecer posibilidades para a dinamización, potenciación e democratización da cultura e lingua propias de Galiza. Neste sentido, son múltiples as actividades que tería que desenvolver para que funcionara como un verdadeiro centro de cultura que fomente, non só a lectura e a escritura, senón outro tipo de actividades dos diferentes eidos da cultura.

Estas dúas necesidades, a sede do Club de Remo e unha nova biblioteca, ían ser financiadas coa venda do matadoiro municipal, cuestión que foi obxecto de debate en múltiples ocasións e confirmada por parte do goberno local a través do alcalde e da tenente de alcaldía en diferentes sesións plenarias.

A cronoloxía das veces que esta cuestión foi a pleno non dá lugar a engano:

  • Novembro de 2018: apróbase por unanimidade da Corporación Municipal solicitar un espazo de 800 metros cadrados a Portos de Galiza no porto de Aguiño para levantar a sede do Club de Remo e que os servizos técnicos municipais redacten o proxecto construtivo.

  • Febreiro de 2019: apróbase por 19 votos a favor (PP, BNG, PSOE, C’s, IPdeR) e dúas abstencións (edís non adscritas/os) o inicio expediente extinción do matadoiro municipal para resolver o expediente de concesión da xestión do servizo público de matadoiro.

  • Novembro de 2019: apróbase por 13 votos a favor (PP, BNG, PSOE) e 7 votos en contra (PBBI, SR) a aprobación definitiva da desafectación do matadoiro municipal.

  • Xaneiro de 2020: apróbase por 13 votos a favor (PP, BNG, PSOE) e 8 votos en contra (PBBI, SR) o inicio do alleamento do matadoiro municipal para proceder á súa venda mediante poxa.

O BNG quere desbloquear estes dous proxectos e que sexan unha realidade
Alén das veces que foi a Pleno, en maio de 2019, o goberno municipal presentaba publicamente a nova sede do Club de Remo. Unha instalación de 1 500 metros cadrados que se construiría a carón da lonxa de Aguiño e que era “versátil e esteticamente bonita” segundo manifestaba nos medios de comunicación o alcalde. Ademais disto, o señor Ruiz aseguraba que en setembro ía procederse a facer a poxa, licitar as obras a finais do ano 2019, en xaneiro de 2020 comezarían os traballos e en xuño ou xullo de 2020 estaría finalizado o edificio. “Basta xa de falsas promesas e de seguir enredando sen avanzar, o club precisa dunha solución inmediata” recrimina Barral.

Na actualidade, a venda do matadoiro non se producirá ao ter que reclamar a apropiación indebida de terreo público por parte dunha persoa ligada ao Partido Popular. Desde o BNG cremos que é de vital necesidade acadar consensos e compromisos para fomentar a actividade física e deportiva. Así o ten demostrado o Bloque nas institucións nas que goberna como é o caso da Deputación da Coruña na que se fan esforzos importantes para dotar aos clubs deportivos dos equipamentos e materiais necesarios para a súa actividade cotiá e tamén o facemos no Concello de Ribeira apoiando os investimentos que se destinan á mellora dos equipamentos deportivos e axudas a clubs.

Esta proposta trata de darlle solución a dúas demandas que actualmente existen no concello, por unha banda trata de resolver as necesidades que presenta o Club de Remo e, por outra, avanzar na construcción da nova biblioteca de Ribeira para fomentar o acceso á cultura e dotar ao municipio dunha instalación cultural axeitada ás demandas actuais. Ámbalas dúas cuestións xa suscitaron o amplo consenso dos grupos que integran a Corporación Municipal de Ribeira e así debe seguir sendo.

Ante todo iso imos solicitar destinar 1 millón de euros para a construción da sede do Club de Remo (600.000€) e a nova biblioteca (400.000€).

Un comentario en «O BNG leva a pleno destinar 1 millón de euros para o club de remo e a nova biblioteca»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.