O BNG lanza unha campaña de apoio ao comercio local “Mellor local, mellor galego, aposta polo noso”

O BNG lanza unha campaña de apoio ao comercio local

Pérez Barral congratulouse de que o bono comercio, medida proposta polo BNG, vaia xerar estímulos económicos fortes”

Lanzamos a campaña de apoio ao comercio local baixo o lema “Máis local, mellor galego; aposta polo noso” coa que se pretende promover as compras nos negocios da localidade.

O concelleiro, Luís Pérez Barral, fixo un chamamento a consumir no comercio de proximidade nestas datas de grandes compras porque “consumir produtos galegos, xera riqueza e emprego e reforza o comercio sustentable”. “Para o BNG o comercio local é un sinal da identidade e non podermos entender a vida nas nosas vilas e cidades sen este comercio” consumindo nos negocios estamos favorecendo a dinamización económica da nosa contorna e obtemos produtos a bo prezo e de calidade” asegurou.

Propostas en positivo para o comercio

O concelleiro nacionalista incidiu na necesidade de seguir impulsando o sector comercial xa en crise dende antes da pandemia e gravemente afectado agora polo impacto da Covid-19. Barral puxo en valor que unha proposta feita polo Bloque como o bono comercio, vaia xerar un impacto económico positivo no comercio e hostalaría de Ribeira e axude a moitas familias cos gastos do Nadal. “Estamos moi contentos de que esa medida que propuxemos e aprobamos en agosto, tras reunirnos coa asociación de empresarios, teña tan boa acollida entre a poboación e os comerciantes”.

A campaña de apoio ao comercio local que desenvolveremos desde o BNG durante estes días, vai  acompañada de propostas concretas, entre as que Barral destacou a necesidade de promover unha nova Lei do comercio local para regular horarios ou tempadas de rebaixas porque a lexislación do Partido Popular está feita á medida dos grandes”, reclamou. “O comercio das nosas vilas precisa unha lei que defenda o pequeno e mediano comercio galego e resulta necesaria para crear emprego e riqueza e sobre todo unha rede de distribución dos produtos galegos”.

Por outro lado, tamén reclamou axudas para a dixitalización e considerou que “sería unha fraude” que os fondos europeos para a reactivación económica non se usaran nas pequenas e medianas empresas. Por último, desde o Bloque destacamos a idoneidade de crear un selo de calidade que identifique a orixe dos produtos pesqueiros, marisqueiros e da horta que favorezan a súa comercialización.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.