O BNG lamenta a “oportunidade perdida” do goberno para dar explicacións sobre a gasolineira e depurar responsabilidades

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego mostrou no pleno celebrado o 20 de xullo de 2022 a súa preocupación ante o que consideran “unha xestión nefasta” do goberno local á hora de tramitar os permisos para instalar unha gasolineira de baixo custo en Xarás.

Lamentamos que esa mala xestión realizada polo Partido Popular, tanto desde a Xunta como desde o Concello de Ribeira, estea poñendo en risco cartos públicos e tamén os postos de traballo que se xeraron coa apertura desa gasolineira. “Estamos moi preocupados porque vemos a un goberno incapaz buscar alternativas para asegurar o emprego e ocupa o tempo en buscar desculpas no canto de traballar para clarificar todo o acontecido” declarou o portavoz nacionalista Luís Pérez Barral.

Barral desmentiu as declaracións do rexedor de que todos os informes foron favorábies, “o BNG ten alomenos dous informes de Montes, dependente da Consellaría de Medio Rural, nos que se aclara que a parcela sufriu tres incendios e que, polo tanto, estaría afectada pola prohibición que establece a lexislación sobre os cambios de uso após un incendio forestal”. Desde o BNG tamén botamos en falta maior transparencia sobre todo este asunto xa que non se nos facilitaron todos os informes nin documentos e os que nos deron foi o día antes do pleno.

Puxemos o tema en mans do equipo xurídico do Bloque para determinar o alcance das sentenzas e imos esixir a depuración de todas as responsabilidades políticas a nivel local e a nivel galego. “Onte o alcalde desaproveitou a oportunidade para dar toda a información e incluso desculparse dos erros cometidos pero nada diso aconteceu. Haberá que agardar a novos ditames xudiciais pero hai unha cousa certa, que se infrinxiu a lexislación tal e como se demostra en sentenza xudicial pois a Xustiza rexeitou os argumentos esgrimidos polo goberno local e ditaminou que as actuacións realizadas foron irregulares. Non imos tolerar que Ruiz e o seu equipo miren para outro lado, deben asumir as súas responsabilidades” conclúe Barral.

 

One Comment on “O BNG lamenta a “oportunidade perdida” do goberno para dar explicacións sobre a gasolineira e depurar responsabilidades”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.