O BNG insta á Xunta a asumir as súas competencias no Conservatorio Municipal de Música de Ribeira

Ribeira 30 de xaneiro de 2025. O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar unha Proposición Non de Lei no Parlamento galego na que demanda que a Xunta asuma as súas responsabilidades en relación aos Conservatorios Municipais de Música. A deputada Cristina Fernández Davila denunciou que o goberno do PP “está desentendéndose” dunha competencia que lle corresponde, forzando aos concellos a asumir uns custos inasumíbeis para manter estes centros educativos esenciais para a formación musical do país. Na xuntanza desenvolvida no Parlamento Galego, tamén estiveron presentes as concelleiras do BNG ribeirense, Cruz Rivadulla e Antía Alberte.


Na actualidade existen en Galiza 23 conservatorios municipais que imparten ensinanzas regradas de grao profesional. O conservatorio de Ribeira depende economicamente do concello, a pesar de contar con alumnado procedente de diferentes localidades, xerando desigualdades evidentes con respecto aos conservatorios de titularidade autonómica, situados nas cidades e financiados pola Xunta.


“As taxas nos conservatorios municipais son moito máis elevadas porque os concellos deben cubrir os gastos, sen ningunha axuda da Xunta”, sinalou Fernández Davila. Ademais, a falta de acceso ás listaxes de profesorado da Consellaría de Educación dificulta a substitución de docentes, provocando unha perda de clases que prexudica gravemente ao alumnado.


Ante esta situación o BNG insta ao Goberno galego a asumir a súa competencia en materia de educación musical e integrar os conservatorios municipais na súa rede de centros, así como convocar axudas para os concellos que actualmente sosteñen estes centros, garantindo recursos para persoal, material e infraestrutura. Fernández Davila salientou “a importancia de escoitar ás direccións dos centros, ás comunidades educativas e aos concellos para avanzar cara á súa integración na rede pública”.


O BNG defenderá esta proposta no Parlamento galego, exixindo que o goberno do PP rectifique e cumpra coas súas obrigas en materia de ensino musical en Galiza. A portavoz de Educación do BNG destacou que “non é asumible que a Xunta siga trasladando aos concellos os custos dunha competencia que lle pertence”. Para a deputada nacionalista a formación musical “é esencial e debe ser garantida pola administración autonómica, sen discriminar ao alumnado polo seu lugar de residencia”.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.