Rexistraremos mocións nos concellos, iniciativa parlamentar, faremos propostas e esixiremos que se resolvan os problemas que hai no servizo
O BNG da Barbanza non está disposto a deixar pasar máis tempo para atallar unha reiterada demanda como é a de resolver os problmeas que rexistra o transporte público na comarca. O malestar social por mor dos problemas do transporte público son palpábeis e malia que se aprobaron iniciativas do BNG para tratar de resolver devanditos problemas, os responsábeis da Xunta seguen mirando para outro lado.
O responsábel do BNG na Barbanza, Luís Pérez Barral, explicou que o transporte público é un servizo esencial para garantir que as persoas poidan desprazarse no territorio, poidan acudir ao traballo ou ao médico e por iso debe funcionar correctamente. Pérez Barral asegurou que se tomarán cartas no asunto porque non estamos dispostos a que as persoas usuarias sigan padecendo atrasos, buses masificados aos que non poden subir, autobuses que non pasan ou unha falta de información xeneralizada, entre outros problemas.
A deputada no Parlamento de Galiza, Rosana Pérez, cre que “estamos ante un PP e unha conselleira de Infraestruturas e Mobilidade que seguen coa súa política de propaganda pois chegan a dicir, sen rubor algún, que se incrementaron un 40% do número de rutas e un 70% as paradas. Está claro que os membros do Partido Popular non son usuarios do transporte público porque do contrario saberían que esas declaracións non son reais” lamentou.
Autobuses escolares ateigados e insuficientes
O servizo compartido, onde nas horas escolares os nenos e nenas que se dirixen ou volven dos centros escolares poden viaxar xunto con outras persoas usuarias, non debería ser un problema pero ao se ocuparen os autobuses na súa totalidade, as persoas que desexan coller o autobús non poden facelo tendo agardar ao seguinte autobús. Ademais non hai frecuencias de autobús para as persoas que están cursando ensinanzas nos institutos nas quendas de tarde-noite provocando que teñan que ir en vehículos particulares ou sufragar outro tipo de transportes.
Atrasos e autobuses que non pasan
Pérez Barral, explicou que tanto as persoas usuarias como o propio persoal da empresa de transporte lle teñen trasladado ao BNG que os autobuses se atrasan ou mesmo non chegan a pasar nos horarios indicados por Monbus porque o tempo estipulado para facer o servizo é totalmente insuficiente. Dous exemplos ilustrativos son o traxecto Ribeira-Noia que, segundo o horario establecido por Monbús, faise en 45 minutos, algo imposíbel para un autobús ou o traxecto Aguiño-A Pobra do Caramiñal que sofre considerábeis atrasos nas horas punta, dado o maior volume de vehículos que hai na estrada.
Falta de información e accesibilidade
As persoas usuarias do transporte público transmitíronlle queixas ao BNG sobre a falta de información xeneralizada sobre as rutas e paradas, as marquesiñas carecen de horarios e a caseta de información da compañía nunca ten persoal de atención ao público. Segundo Pérez Barral, outro dos problemas importantes é a retirada de todos os autocares urbanos que prestaban servizo porque os actuais, máis altos e con máis escaleiras, está provocando serios inconvenientes a persoas maiores, persoas que presentan algún grao de discapacidade física ou mesmo a calquera persoa cun carro de crianza ou de compra.
Os problemas esténdese a toda a comarca
Pola súa banda, a deputada Rosana Pérez, explicou que hai un importante número de persoas que traballan en Santiago e viven na comarca da Barbanza e que rematan a súa xornada laboral ás 15:00 horas. Neste caso, vense obrigadas a tomar un autobús urbano ata a estación intermodal onde o autobús que vai para Ribeira sae ás 15,20 horas. “É practicamente imposíbel collelo e, polo tanto, é obrigado ter que agardar polo seguinte” agregou Pérez Fernández. Ademais, os sábados non existen autobuses directos Ribeira-Santiago, cando si os había coa anterior concesionaria. A viaxe indirecta dura case dúas horas, de maneira que o autobús que sae de Ribeira ás 8:00 da mañá chega a Santiago ás 10:00 horas, con retraso para calquera traballo que comece ás 9:00 horas.
Mención especial merece a Tarxeta Xente Nova posta en marcha Xunta de Galiza para, supostamente, poder viaxar gratis. O BNG lamenta que no canto de ofrecerlle á xente moza e ás persoas maiores as viaxes de maneira gratuíta, haxa que realizar o pagamento por adiantado e voltar ao mes seguinte a un caixeiro para recuperar os cartos das viaxes realizadas. “Este sistema dificulta a recuperación dos cartos e por riba fomenta a colaboración cunha entidade bancaria que cada vez conta con menos persoal e con menos oficinas de atención ao público” incidiu.
A deputada galega tampouco esquece a situación laboral do cadro de traballadores e traballadoras da empresa concesionaria Monbus. Pérez Fernández explicou que puideron comprobar que é completamente precaria por diversos motivos; non se cobren as baixas nin as vacacións dos condutores e condutoras polo que este traballo teñen que realizalo outros compañeiros e compañeiras en activo facendo máis horas das que lle corresponden, decrétanse xornadas de traballo partidas sen motivos aparentes ou nin se lles deixa tempo durante o tempo de traballo para ir ao baño.
Por todos estes motivos o BNG vai repartir información entre a veciñanza coas propostas que formulan para mellorar o transporte público, rexistran tamén iniciativas a nivel parlamentar e municipal en todos os concellos para esixir que os responsábeis políticos da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade resolvan os problemas de maneira inmediata, melloren a accesibilidade dos autocares, garantan a atención presencial ao público así como que se dea cumprimento dos horarios para evitar prexuízos ás persoas usuarias.
Con respecto a tarxeta joven, comentar que si a perdes, non recuperas Osvaldo que tiñas, porque non che dan un duplicado da que extraviastes, senon que che fan unha nova . Tamén decir que ao cumplir os 21 años, xa non tes dereito as condicions de antes ata ahí estou dacordo, pero decían de abonarche as viaxes que quedaron pendentes, e non che deixa mirar os movimientos, soamentetes que esgotar o saldo din saber o que che queda,.
E para rematar nunca che abonan as viaxes correspondientes, asi que sempre tes que recargala ainda que sea pouco.
Falo con coñecemento de causa, teño 3 tarxetas e deronseme estos casos.