O BNG volverá incidir na necesidade de aumentar as zonas verdes e as rúas con vexetación que actualmente existen en Ribeira e recrimínanlle ao Partido Popular os novos arboricidios producidos na avendia da Coruña coa eliminación de exemplares de gran tamaño.
Afeamos que o goberno do señor Ruiz no canto de aumentar o número de árbores e zonas verdes, faga todo o contrario ao que se está facendo nas vilas e cidades de practicamente todo o mundo. O voceiro da formación, Xosé Vázquez Cobas, recriminou a tala de exemplares realizada na avenida da Coruña porque, segundo explicou, puideron ter sido transplantados a outros espazos do municipio. “Optaron pola vía fácil de talar algunhas das xa poucas árbores que hai no municipio”, un feito que vai no sentido contrario ao que se debera.
Referíndose á obra das Carolinas, Cobas lamentou que sexa “unha oportunidade perdida”, porque esa reforma debería ter sido aproveitada para facer un gran bulevar con espazos de sombra e zonas verdes. “Vemos un PP que segue reducindo o número de árbores e apostando polo cemento e a herba de plástico” censurou.
Ribeira ten un número insuficiente de zonas verdes e desde o BNG consideran imprescindíbel aumentar a vexetación que hai nas rúas e prazas do municipio co fin de mellorar a calidade do aire e tamén a calidade de vida da veciñanza, sobre todo nun contexto de pandemia onde tan necesarios son os espazos ao aire libre. Neste sentido, Vázquez Cobas, puxo en valor o traballo feito polo BNG presentando propostas construtivas e mesmo un plan denominado “Reverdecer Ribeira” para que o casco urbano e as parroquias gañasen espazos verdes nos que as persoas poidan descansar e desfrutar do seu tempo libre.
Por todos estes motivos, o BNG volverá incidir na necesidade de aproveitar as obras que se realicen nas rúas do concello para que se aumenten as árbores de medio e gran porte e as zonas verdes. “Ribeira e as súas parroquias precisan menos cemento, menos herba de plástico e máis zonas verdes nas que as persoas poidan desfrutar do seu tempo porque ademais de crear espazos de convivencia e de educación ambiental, o valor dos inmobles e locais desas rúas revalorizaríanse” concluíu Cobas.