Nas últimas semanas o BNG está recibindo multitude de queixas polo mal funcionamento do transporte público en Ribeira, por diversas cuestións como a falta de información, atrasos nos horarios ou a falta de persoal para cumprir cos horarios e rutas establecidas e lamentan que o goberno local mire para outro lado.
O concelleiro, Luís Pérez Barral, esgrimiu que non son poucas as persoas que se puxeron en contacto co BNG para queixarse pola falta de horarios nas marquesiñas “facendo case imposíbel saber a que hora pasan os autobuses” ou pola pouca claridade deses horarios na web. Ademais, Pérez Barral, lamenta que non haxa xente de atención ao público durante todo o día para atender as persoas que precisen máis información. “O PP, tanto na Xunta como no Concello saben o que pasa e non moven un dedo para solucionalo” recriminou o edil ribeirense.
Por outra banda, tamén hai moitas queixas polos atrasos que se rexistran nas frecuencias, “é algo intolerábel que isto aconteza se queremos que o transporte público sexa alternativa ao vehículo privado” argumenta Pérez Barral. Desde o BNG estivemos en contacto con persoal da empresa, que nos explicou que hai falta de traballadores e traballadoras e que por iso non poden chegar en tempo a todos os lugares, polo que o BNG esixirá un aumento do número de traballadores e traballadoras para cumprir cos horarios e frecuencias.
Bonificación e promoción do transporte público
Pérez Barral anunciou que, ademais de esixir que o goberno local sente a falar coa empresa para aplicar melloras inmediatas e dar solución ás queixas da veciñanza, o BNG vai demandar que o Concello de Ribeira inste á Xunta de Galiza a que Ribeira se beneficie do plan de transporte metropolitano para abaratar os transporte público, se instalen paneis dixitais nas principais paradas para saber canto tempo falta para que pase o seguinte autobús e se negocie coa empresa a aplicación de descontos e bonificacións para abaratar o custo do transporte público.
Neste sentido, Pérez Barral, propón que as viaxes custen un máximo dun euro e que haxa descontos adicionais para a mocidade, persoas desempregadas, maiores e con mobilidade reducida. Ademais van propoñer que o transbordo sexa gratuíto, pois “non é normal que para ir dunha parroquia a outra haxa que pagar dúas viaxes” porque isto é prexudicar aos veciños e veciñas que viven no rural. Por último, desde o BNG insistiremos na necesidade de construír de maneira inmediata unha estación de autobuses que dea servizo a todas as persoas usuarias.