O BNG esixe explicacións ao goberno ribeirense pola destrución con maquinaria pesada de hábitats protexidos na praia do Robalo en Aguiño

Antía Alberte: “É intolerable que o Concello de Ribeira arrase cunha escavadora un ecosistema protexido e declarado de valor ambiental”

O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira esixe explicación ao goberno de María Sampedro pola destrución dun sistema dunar declarado de valor ambiental na Praia do Robalo en Aguiño. Segundo puidemos constatar, dende o pasado sábado 6 de xuño introduciuse maquinaria pesada no propio areal para realizar labores de esplanación, movemento indiscriminado de area e unha severa eliminación da vexetación dunar autóctona, localizándose estas graves alteracións preto do varadoiro e a carón do chiringuito da praia.

Estes feitos foron postos en coñecemento do Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (SEPRONA) pero as tarefas que realizaba a pá escavadora seguiron adiante até aplanar por completo toda la superficie protexida, convertendo un espazo natural singular e de riqueza biolóxica nunha chaira eliminando flora e fauna.

Unha agresión inaceptable contra hábitats de interese europeo e especies ameazadas

A gravidade desta intervención radica no valor ambiental excepcional do emprazamento, situado xusto fronte á illa de Sálvora e a moi curta distancia do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza. A área afectada pola maquinaria alberga diversos hábitats de interese europeo catalogados polo Plan Director da Rede Natura 2000 así como por lexislación ambiental que inclúe a pequenas dunas, flora e fauna.

Asemade, o espazo arrasado encádrase dentro da zona de presenza e a zona crítica da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), unha ave incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. A destrución deste fráxil ecosistema non só pon en perigo o éxito reprodutor desta ave, senón que supón o esnaquizamento do hábitat de aniñamento doutras especies como a lavandeira amarela e a desaparición física de exemplares de flora litoral de altísima fraxilidade, entre os que destacan a arenaria do mar ou herba de sal, a arxémona ou papoula marítima, o abrótano mariño, o cardo mariño, a cebola das gaivotas ou azuzena marítima e o alhelí marítimo, que resultaron completamente arrasados pola escavadora.

A concelleira do BNG, Antía Alberte, declarou que resulta absolutamente incomprensible e intolerable que sexa o propio Concello de Ribeira, a institución que ten a obriga principal de velar pola protección e o respecto ao noso patrimonio natural, o que actúe de costas á legalidade ambiental e meta escavadoras para destruír e aplanar un sistema dunar protexido sen ningún tipo de consideración nin respecto polos nosos valores biolóxicos.

Alberte engadiu ademais que “estamos a falar dunha agresión directa contra hábitats de interese europeo e contra un espazo esencial para a supervivencia de especies protexidas”. Esta actuación amosa unha alarmante falta de sensibilidade ambiental por parte do Partido Popular, polo que dende o BNG esixen transparencia absoluta, a asunción inmediata de responsabilidades políticas.

Exixencia de transparencia ante posibles sancións

Ante os danos ocasionados na praia do Robalo, o grupo municipal do BNG rexistrou unha batería de preguntas dirixidas ao goberno de Ribeira co fin de aclarar publicamente o acontecido así como a facilitar copia dos permisos que xustificaron a entrada da maquinaria pesada e a eliminación da duna, “xa que moito nos tememos que, por riba, esta actuación se fixo de xeito unilateral e sen contar coas preceptivas autorizacións por parte doutras administracións e entes da Xunta de Galiza que teñen competencias na zona”. A concelleira informou que esta temeridade non só supón un dano irreparable para a biodiversidade, senón que, ao terse executado seguramente sen ter os permisos autonómicos obrigatorios, expón ao Concello de Ribeira a unha sanción económica. “Unha vez máis, dunha xestión irresponsable do Partido Popular, a veciñanza de Ribeira pode acabar pagando do seu peto as consecuencias e as multas derivadas de actuar con total soberbia por riba das leis de protección ambiental, polo que dende o BNG esiximos a asunción inmediata de responsabilidades políticas”.