O BNG esixe cubrir as vacantes de facultativos nos centros de saúde de Ribeira e Aguiño

O centro de saúde de Aguiño queda sen médicos e no de Ribeira faltan 4 profesionais

O BNG acaba de rexistrar iniciativas parlamentarias para esixirlle ao Goberno galego que cubra as prazas de médicos que hai sen cubrir nos centros de saúde de Aguiño e de Ribeira.

Os nacionalistas denuncian a deterioración progresiva da Atención Primaria baixo a xestión do Partido Popular, e esixe á Xunta de Galiza a cobertura inmediata das prazas vacantes neses centros. A situación actual, marcada pola falta de persoal sanitario e administrativo, está a provocar demoras inaceptables na atención aos pacientes, sobrecarga laboral nos profesionais, e un empeoramento crónico da calidade do servizo.

Segundo informou o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, no centro de saúde de Ribeira, que atende a unha poboación de máis de 20.000 persoas, deberían traballar 14 facultativos. “Actualmente só están en activo 10, quedando catro prazas sen cubrir”. Dúas destas prazas non teñen médico asignado, o que implica que uns 3.000 pacientes son atendidos por un profesional diferente en cada consulta. As outras dúas vacantes levan anos sen cubrir, o que agrava aínda máis a demora na atención e a sobrecarga dos médicos que seguen en activo. Ademais, no Punto de Atención Continuada (PAC) tamén se rexistra a falta dun profesional sanitario.

Pérez Barral lamenta que a situación na parroquia de Aguiño é moito peor. “Das dúas prazas de facultativo dispoñibles, unha está vacante debido a unha baixa e a outra quedará sen médico pola xubilación do profesional, sen que ata o momento a Consellería de Sanidade confirmase a súa cobertura”.

Pola súa banda, a deputada Rosana Pérez Fernández, explicou que non é a primeira vez que o BNG presentou múltiples iniciativas no Parlamento galego e no Concello de Ribeira desde 2021, denunciando que esta situación débese “ás políticas de recortes e abandono aplicadas polo Partido Popular”. Segundo a parlamentaria, as reiteradas queixas dos usuarios e as mobilizacións da cidadanía de Ribeira e das súas parroquias poñen de manifesto o malestar polas longas esperas e a precariedade dos servizos de saúde.

“O desmantelamento da sanidade pública está a afectar gravemente á poboación, que sofre demoras de días e semanas na súa atención, co risco de que as súas patoloxías se agraven. Esta deterioración crónica da calidade asistencial converteuse nunha constante, e é insostible que a Consellería siga ignorando a situación”, denunciou Pérez Fernández.

Por todo isto, o BNG demanda, de forma urxente, a cobertura de todas as prazas vacantes nos centros de saúde de Ribeira e Aguiño para garantir unha atención sanitaria digna e adecuada á poboación. Así mesmo, esixe a dotación de persoal administrativo suficiente para evitar as longas filas de espera que a diario se forman nestes centros.

Dende o BNG imos seguir a carón da poboación que demanda unha atención digna e a pesar da falta de recursos e do abandono por parte do Goberno da Xunta, o BNG destaca a dedicación e esforzo dos profesionais sanitarios, quen, co seu compromiso e entrega, tratan de paliar os efectos desta grave crise na Atención Primaria.

Na imaxe: Veva Betanzos, Cruz Rivadulla, Rosana Pérez, Luís Pérez, Antía Alberte e Rafael Pazos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.