O BNG esixe ao Goberno galego cubrir de inmediato as prazas médicas en Ribeira e Aguiño

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou novas iniciativas no Parlamento autonómico para instar á Xunta a “atender con urxencia a grave situación sanitaria que sofre o concello de Ribeira”, segundo explicaron a deputada do BNG, Rosana Pérez, e o alcalde de Ribeira, Luís Pérez, que, acompañados do grupo municipal nacionalista, denunciaron “o colapso do sistema sanitario na localidade” e demandaron “solucións inmediatas para garantir unha atención sanitaria digna á cidadanía”.

Rosana Pérez subliñou que “a situación sanitaria en Ribeira é insostíbel e, lonxe de mellorar, non fixo máis que empeorar nos últimos meses. O Goberno galego comprometeuse a reforzar a sanidade pública, pero a realidade é que seguimos cunha falta alarmante de profesionais”. A deputada nacionalista lembrou que o Centro de Saúde de Ribeira atende a máis de 18.500 persoas maiores de 15 anos con “tan só dez médicos cando deberían ser quince, e que a situación en Aguiño é aínda máis crítica”, sinalou, engadindo que “desde outubro, a Consellaría non foi quen de cubrir de xeito permanente ningunha das dúas prazas médicas en Aguiño, obrigando a trasladar persoal desde Ribeira e agravando o colapso asistencial”.

Pola súa banda, o alcalde de Ribeira, Luís Pérez, amosou a súa preocupación pola falta de previsión da Xunta ante as xubilacións e as vacantes que levan anos sen cubrir. “Se non se adoptan medidas urxentes, o centro de saúde de Ribeira quedará nunha situación totalmente inasumíbel para garantir unha atención sanitaria mínima”, alertou, sinalando que “a profesional que hai en Aguiño está derivada de Ribeira, por tanto estase trasladando un problema dun lugar a outro”. Pérez Barral salientou a mobilización constante da veciñanza para denunciar esta situación e esixir solucións e manifestou ao respecto que “como alcalde de Ribeira vou estar a carón da veciñanza, porque é o meu deber como representante público dos veciños e das veciñas”.

Desde o BNG esíxese que “se cubran de inmediato todas as ausencias do persoal médico no Centro de Saúde de Ribeira e que se ocupen de xeito permanente as dúas prazas vacantes en Aguiño”. E concluíu Rosana Pérez: “Non podemos permitir que a sanidade pública siga en caída libre mentres a Xunta de Galiza mira cara outro lado. A saúde da xente está en xogo e non imos parar ata que se adopten solucións reais”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.