O BNG emenda a totalidade dos orzamentos de Ribeira para incluír necesidades urxentes

Rebaixar a taxa de saneamento, mellora do tráfico e aparcadoiros, crear zonas verdes, reforzo dos servizos públicos e mellorar o investimento nas parroquias, prioridades do BNG

Vázquez Cobas: “Os orzamentos 2021 son as contas dun goberno instalado na mentira”

O BNG anunciou hoxe que dá un paso adiante para mellorar o proxecto de Orzamentos 2021 para Ribeira, mediante a presentación dunha emenda á totalidade. Na emenda solicitamos a devolución do proxecto de Orzamentos de 2021 para consensuar unhas novas contas cos grupos da Corporación onde tamén teñan voz as asociacións e colectivos do municipio. Este paso adiante chega por responsabilidade, após a exclusión da formación nacionalista de calquera negociación das contas. O alcalde desprezou calquera diálogo co BNG e malia iso, seguimos facendo propostas para chegar a consensos e acordos beneficiosos para a sociedade de Ribeira.

O voceiro, Xosé Vázquez Cobas, desmentiu a propaganda e as mentiras de Ruiz Rivas, asegurando que son uns orzamentos fake que xeran desconfianza. “Por moito que se tente vender os orzamentos como históricos, o histórico é o beneplácito do PSOE a unhas contas feitas á medida do PP que fomentan a privatización e os recortes nos servizos públicos”.

O peor goberno da historia de Ribeira

O BNG recrimina que a inoperancia do PP provocou unha ridícula execución do Orzamento 2020, posto que tan só se gastaron 1 de cada 2 euros nun ano no que o gasto público puido ter contribuído a reactivar a economía en plena pandemia. “De que vale aprobar unhas contas irreais que despois non se executarán?” preguntouse Vázquez Cobas.

Os Orzamentos 2021 chegan 8 meses e medio máis tarde do que marca a lexislación e non responden ás demandas sociais porque prevén gastar cartos en crear o cuarto museo do Mar da Barbanza, xa o ten Rianxo, Noia e Porto do Son, no  canto de habilitar axudas para as familias con necesidades, potenciar o comercio, xerar oportunidade de emprego en Ribeira, reducir o tarifazo do recibo da auga e do saneamento, habilitar estacionamentos ou fomentar o transporte público.

Son uns orzamentos en contra dos ribeirenses porque consolidan a subida de impostos en especial a desorbitada subida da auga e saneamento co tarifazo de 72€/ano pero tamén consolida privatizacións de servizos como a escola infantil, a xestión da auga e das depuradoras ou do aparcadoiro do Centenario. Todo isto súmase aos recortes en Sanidade e Educación aplicados por Núñez Feijóo.

Prioridades: resolver os problemas do día a día

A emenda á totalidade do BNG é tamén unha alternativa orzamentaria ao proxecto da coalición PP-PSOE, con 5 grandes liñas: taxa de saneamento, tráfico e aparcadoiros, zonas verdes, atención ás parroquias e servizos públicos.

Logo da escandalosa suba da taxa de saneamento, o BNG considera unha prioridade rebaixar esta taxa con cargo aos Orzamentos 2021 para evitar prexudicar as economías familiares. “A veciñanza non debe pagar as consecuencias dunha infraestrutura mal deseña e planficada polo PP” denunciou o concelleiro Luís Pérez Barral.

En materia de tráfico e aparcadoiros, Pérez Barral detallou se inclúe a realización dun estudo para desenvolver a circunvalación pola estrada de Xarás a Frións, o rescate do aparcadoiro do Centenario para ter unha xestión pública que garanta uns prezos baixos, mellora da iluminación, firme e seguridade dos aparcadoiros disuasorios e un plan de mellora do tráfico e fomento do transporte público e subvencionar o transporte público do estudantado de FP e Universidade. Incluímos 100.000€ para mellorar a seguridade e iluminación dos pasos de peóns.

Propoñemos aumentar os investimentos nas parroquias, garantir a conexión á internet, destinar 300.000€ a maiores na partida dedicada a mantemento, incrementar as zonas verdes e consignar fondos para cubrir dous parques infantís. En materia urbanística incluímos fomentar a rehabilitación de vivendas e habilitar subvencións para a instalación de enerxías renovábeis en vivendas particulares e pequenas empresas que permitan aforrar electricidade.

Para potenciar a economía propoñemos subscribir un convenio de 30.000 euros coa Asociación de Empresarios de Ribeira mediante o que xerar emprego e dinamizar o comercio local, subir as achegas que se fan a asociacións sociais como AMBAR, AMICOS, A CREBA, FAIBEN, RENACER ou a Festa da Dorna. Tamén propoñemos a subida dun 33% para asociacións culturais e un 34% para clubs e entidades deportivas.

Por último, para reforzar os servizos e empregos públicos, o BNG inclúe a contratación de 10 policías locais que aumenten a seguridade, reforzar a brigada de obras e mantementos de infraestruturas con 4 persoas e pasar a xornada completa a todo o profesorado do conservatorio de música.




O proxecto de Orzamentos 2021 para Ribeira debería conter, ademais, cando menos as seguintes propostas que facemos desde o BNG:

Servizos públicos básicos

  • Habilitar partida orzamentaria para reducir a taxa de auga e saneamento para establecer un prezo en liña co que se viña pagando antes do tarifazo aplicado polo Partido Popular.

  • Designar unha persoa responsábel encargada para reforzar os mantementos e garantir o bo estado das infraestruturas.

  • Designar unha partida orzamentaria dun mínimo de 150.000 euros por cada parroquia cuxo destino sexa decidido por participación veciñal.

Reforzo do persoal público

  • Contratación dun mínimo de 10 policías locais cos que achegarse á proporción que marca a lexislación.

  • Aumento da dotación orzamentaria para crear catro novas prazas na brigada destinada ao mantemento de infraestruturas e equipamentos públicos.

  • Aumento da partida orzamentaria para pasar da xornada parcial á xornada completa para todo o profesorado do Conservatorio profesional de música ‘Enrique Paisal’.

Zonas verdes e parques

  • Aumento dun 90% dos fondos consignados para a posta en marcha dun plan para reverdecer Ribeira.

  • Habilitación dunha partida orzamentaria para a realización dunha cuberta en alomenos dous parques infantís do municipio.

Mantemento e urbanismo

  • Incremento en 300.000 euros da partida destinada ao mantemento de parques, paseos, beirarrúas e mobiliario urbano.

  • Incremento dun 80% da partida destinada para a constitución da ARI e promoción da rehabilitación nas Áreas de Rehabilitación Integral.

Tráfico e aparcadoiros

  • Plan de mellora do tráfico rodado e fomento do transporte público.

  • Creación dunha partida duns 100.000€ para mellorar a iluminación e a seguridade nos pasos de peóns máis transitados do municipio.

  • Creación dunha partida orzamentaria para mellorar o firme, iluminación e seguridade dos aparcadoiros públicos disuasorios.

  • Creación dunha partida orzamentaria para rescatar o aparcadoiro do Centenario, garantindo a súa xestión pública e poñendo uns prezos asequíbeis.

  • Habilitar partida orzamentaria para desenvolver o estudo técnico de conversión da CP-7301 nunha estrada de circunvalación.

  • Habilitar partida orzamentaria para cofinanciar o transporte do estudantado universitario e de formación profesional que curse ensinanzas oficiais que non se impartan en Ribeira.

Cultura e deporte

  • Incremento do 33% das subvencións para asociacións culturais sen fins de lucro.

  • Incremento do 34% das subvencións a clubs e entidades deportivas para chegar á cantidade de 120.000 euros.

Economía e política social

  • Subscrición dun convenio de colaboración coa Asociación Empresarial de Ribeira por importe de 30.000 euros coa que facilitar o financiamento das súas actividades.

  • Incremento dun 47% a contía destinada á Festa da Dorna pasando de 17.000 ao entorno dos 25.000 euros.

  • Incremento de cadanseus 2.000 euros á contía destinada ás asociacións AMBAR, AMICOS, A CREBA, FAIBEN e RENACER.

  • Creación dunha liña de subvencións para o fomento das enerxías renovábeis destinada a particulares residentes na localidade e a pequenas e medianas empresas con sede en Ribeira.

  • Habilitar nas Bases de execución do orzamento a posibilidade de solicitar o anticipo do 50% da contía das subvencións concedidas.

Redución de gastos superfluos

  • Eliminación dos fondos consignados para a creación do Museo do Mar por non ser unha prioridade neste momento.

  • Redución dos fondos consignados a “protocolo, publicidade e propaganda de órganos de goberno”.

Por todo o anteriormente exposto e en base a:

  • Lei reguladora de facendas locais.

  • Real Decreto 500/1990 polo que se desenvolve o capítulo primeiro do título sexto da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, en materia de orzamentos.

  • Regulamento orgánico municipal do Concello de Ribeira.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Concello de Ribeira presenta esta emenda á totalidade do Orzamento 2021 e solicita a devolución do Orzamentos 2021 para que elabore unhas novas contas que inclúan as peticións arriba expostas e sexan consensuados polos grupos da Corporación Municipal e outras entidades do municipio.

Un comentario en «O BNG emenda a totalidade dos orzamentos de Ribeira para incluír necesidades urxentes»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.