O Bloque edita un boletín con información de interese para que a veciñanza coñeza de primeira man as accións máis importantes feitas pola organización nacionalista. Desde o Bloque apuntan que esta publicación é unha aposta decida pola transparencia e a participación veciñal ao levar temas que lles trasladou a xente.

Para o voceiro do BNG Xosé Vázquez Cobas, “con este boletín feito co esforzo e cos poucos recursos económicos dos que dispomos, dámoslle cumprimento a unha proposta electoral a de sermos transparentes e informar á xente”.
O responsábel de comunicación e concelleiro Luís Pérez Barral, explicou que o boletín trata problemas que son coñecidos como poden ser a falta de aparcadoiros dignos, a falta de limpeza e mantemento ou esquecemento total das parroquias e abandono de centros sociais.
Outro apartado é o dedicado aos “bandazos” que dá o PP en proxectos clave como os do Ribeira Atlántica en edificios como o de Hesta Kurva que agora pretende dar a unha empresa privada. Pérez Barral explica: “ese edificio xa foi de todo, auditorio, conservatorio, sede da Protección Civil, centro de día e residencia, nin Ruiz Rivas sabe que vai facer nel”.
Finalmente, fronte os problemas que ten Ribeira e a mala planificación do PP, o BNG expón brevemente cuestións nas que traballa como son a necesaria creación de chan industrial, a promoción de emprego e do comercio, a construción dunha residencia pública, as melloras en mantemento e limpeza ou o traballo para que as parroquias conten con máis actividades deportivas e culturais.
Vázquez Cobas concluíu: “agardamos que a xente lea con agarimo este traballo que facemos, estou certo de que o BNG ten un equipo con ideas claras e proxecto que pode dar o cambio que Ribeira precisa”.
Consulta o boletín: Boletín BNG outubro 2018