O BNG disposto a desbloquear temas concretos beneficiosos para Ribeira, pero rexeita aprobar as contas do PP

Desbotamos avalar os Orzamentos polos reiterados incumprimentos e a mala xestión

A asemblea local do BNG rexeita aprobar os Orzamentos de 2022 tralo ofrecemento do rexedor, Manuel Ruiz, a pactar as mesmas contas pero con ínfimas modificacións.

Ruiz ofreceuse a negociar unicamente unha pequena parte dos Orzamentos de 2022 que non chega nin a 1,5 millóns dunhas contas que din ascender a 32,9 millóns de euros. “Ofreceunos negociar as migallas e iso o BNG non o vai aceptar porque ademais queren seguir aplicando as mesmas políticas fracasadas que non resolven as demandas sociais” argumentou o responsábel local Xabier Vidal.

Non facilitaremos aprobación das “contas da mentira e do incumprimento” porque manteñen paralizadas obras que levan anos prometéndose como os centros sociais de Carreira e Corrubedo, seguen dilapidando cartos en obras que disparan o seu prezo como o auditorio mentres falta mantemento e prevén aumentar os impostos á veciñanza recadando 4,7 millóns de euros por auga, lixo, saneamento e sumidoiros cando ás grandes eléctricas e telefónicas tan só lles cobrarían 280.000 euros por todo o espazo público que utilizan.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, explicou que a asemblea local chegou ao acordo de tender a man para desbloquear certos temas fundamentais para Ribeira como a redución do tarifazo do saneamento, garantir as axudas económicas a entidades deportivas e culturais, ampliar o servizo de axuda no fogar, mellorar as condicións laborais dos empregados públicos, rematar os centros sociais de Carreira e Corrubedo ou materializar proxectos que levan paralizados anos como o club de remo, nova biblioteca, estudo do trazado alternativo da circunvalación e rescate do aparcadoiro do Centenario por poñer algúns exemplos.

Sobre as críticas do rexedor, Pérez Barral, lamentou que Ruiz trate de botarlle as culpas á oposición porque “a situación na que se deixa a Ribeira xorde pola irresponsabilidade do goberno local de tirar para diante sen escoitar a ninguén”. O líder nacionalista asegura que o BNG vai seguir traballando en positivo polo ben da veciñanza. “Hoxe seguimos dicíndolle non a eses orzamentos do Partido Popular porque chegan tarde e non dan resposta ás demandas sociais pero dicímoslle si a Ribeira e prometémoslle á veciñanza estar á altura para desbloquear todos aqueles proxectos beneficiosos que permitan avanzar e construír unha Ribeira en grande” concluíu Barral.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.