O BNG destaca a importancia da exhumación da fosa de Luou e reclama seguir avanzando na memoria democrática

O Bloque Nacionalista Galego quere salientar a relevancia dos traballos de exhumación que o Grupo Histagra da USC está a desenvolver na fosa da igrexa de Santa María de Luou, en Teo, onde se atopan os restos de catro galegos asasinados durante a ditadura franquista. Nunha visita recente ao lugar participaron a deputada de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra, o exalcalde de Ribeira, Luís Pérez, e as concelleiras nacionalistas Bea Rei de Padrón onde era algún represaliado e Almudena Taboada de Teo onde se realizan as exhumacións. Alí coñeceron de primeira man o avance das intervencións xunto con membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza.

Na fosa atribúense os corpos de Ricardo Fernández CarlésFlorentino Menéndez PalaciosManuel Agrasar Cajaraville “Barbarroxa” e Vicente López Novo “o fillo da Nova”, todos eles asasinados por formar parte da loita antifranquista. Para o BNG, este proceso representa un paso fundamental para restaurar a verdade histórica e devolver ás familias a dignidade que lles foi arrebatada. Cómpre salientar que en Galiza non houbo guerra senón represión directamente.

Durante a visita, Soledad Agra subliñou que “a recuperación da memoria democrática é unha obriga colectiva. Estas exhumacións permiten sacar á luz a verdade que durante décadas foi ocultada. Honramos ás vítimas e acompañamos ás súas familias, pero tamén enviamos unha mensaxe clara: nunca máis unha sociedade que tolere a represión nin a negación dos dereitos humanos”.

Pola súa banda, Luís Pérez destacou a carga simbólica e emocional deste proceso: “É imposible estar aquí e non sentir a responsabilidade que temos co noso pasado. Estes homes, entre eles un veciño da miña comarca, deron a vida por defender a liberdade. O noso deber é garantir que o seu sacrificio non caia no esquecemento, que nunca volva unha ditadura e que sigamos fortalecendo os nosos dereitos democráticos”.

O BNG reiterou o seu compromiso coa defensa da memoria histórica e apelou ás institucións a manter e ampliar os recursos destinados á investigación, exhumación e dignificación das vítimas da represión. O Bloque considera que só unha sociedade que coñece a verdade do seu pasado pode construír un futuro plenamente democrático, xusto e libre de ameazas autoritarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.