O BNG denuncia que o sobrecusto do auditorio segue disparándose

Pérez Barral: a ineficiente xestión do PP provoca sobrecustos millonarios nas obras de Ribeira

O anuncio da licitación das butacas para o novo auditorio de Ribeira por valor de 323.000 euros fai que teñamos que recriminar unha vez máis que “a mala xestión do Partido Popular” está provocando sobrecustos insostibles para as arcas municipais.

O orzamento inicial para construír o auditorio ascendía a 2,5 millóns de euros pero durante a redacción do proxecto construtivo observáronse carencias que fixeron que ascendera a 3,6 millóns con todo incluído para entrar en funcionamento. Finalmente saíu a licitación por 4,2 millóns de euros e na actualidade estamos certa dos 5 millóns de euros.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, cre que o goberno perdeu toda credibilidade xa que, segundo di, puxeron todo tipo de desculpas pero o único certo é que evidencia a nefasta xestión realizada polo Partido Popular fica patente con case calquera obra que se realiza no municipio, sendo incapaces de executar en tempo, forma e orzamento as obras que eles mesmos proxectan.

“Obras como a Casa da Xuventude cuxo valor inicial foi de 860.000 euros xa leva 1,1 millóns de euros gastados en sucesivas reformas por culpa do seu abandono, o Mercado Municipal pasou de 2,7 a 3,5 millóns de euros, o pavillón de Palmeira pasou de 1,3 a 2 millóns de euros, a depuradora tivo un sobrecusto de 1 millón de euros e podemos seguir poñendo exemplos como os da Escola infantil, o Matadoiro Municipal ou o interminable Centro Social de Carreira” lamentou o portavoz nacionalista.

Pérez Barral cuestiona que moitas das obras que se fan en Ribeira sofren paralizacións na metade da súa construción, modifícanse e incrementan de maneira alarmante os custos previstos incialmente. “O goberno local só se centra nas grandes obras e demostra a súa incapacidade para atender as demandas veciñais, pero o que é máis grave é que malgasta os cartos públicos que son de todos e todas”.

Deixar paso a un goberno eficaz

Desde o BNG seguiremos traballando para que se atendan as cuestións que realmente lle preocupan á veciñanza como mellorar o mantemento e a limpeza de parques, estradas ou equipamentos públicos que esmorecen pola mala e ineficiente xestión do Partido Popular. Pérez Barral esíxelle ao alcalde de Ribeira que deixe paso se non quere traballar para sacar os proxectos adiante, mellorar o mantemento dos edificios e equipamentos públicos porque Ribeira non pode seguir esmorecendo por causa da súa mala xestión. “Ribeira precisa un goberno que este á altura, capaz de resolver os problemas e sacar o potencial do concello. “Un goberno do BNG centrarase en resolver as necesidades do día a día da veciñanza e evitará o dispendio de cartos públicos” concluíu Barral.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.