O BNG denuncia o atraso na construción da nova biblioteca de Ribeira

Vázquez Cobas: a parálise do goberno de Ruiz Rivas é total

En setembro do ano 2019 a Corporación Municipal de Ribeira aprobaba por unanimidade a proposta do BNG para construír unha nova Biblioteca Pública Municipal, dotada de todos os servizos necesarios: sala de lectura, sala de estudo, servizo de préstamo, ludoteca, sala dixital, sala de actos, etc.

O voceiro do BNG en Ribeira, Xosé Vázquez Cobas, aclarou que nos orzamentos do ano 2020 contemplábase unha partida no capitulo de inversións de 453.326€ dos que a metade sería para a adquisición do inmóbel chamado Gran Sol e a outra metade para a súa adecuación. Segundo Vázquez malia haber cartos dispoñibles para comezar a actuación, “nada se está facendo pois non hai avances substanciais nin na tramitación administrativa do proxecto nin na execución do mesmo”.

A biblioteca debe ser unha prioridade pois é un servizo público de existencia obrigatoria especificada na Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local e non se pode dicir que o Concello de Ribeira conte cunhas instalacións axeitadas. Para Vázquez Cobas o espazo actual comparte espazo de lectura, aula para o estudo, sala de informática e espazo para celebración de actividades, unha situación que demostra que existe falta de espazo para acoller actividades en espazos separados sen provocar molestias ás persoas que empregan este servizo público. Ademais a súa localización enriba dun local con actividade musical tamén provoca ruído que molesta ás persoas usuarias.

O voceiro nacionalista acusa ao alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, de ter a administración local “totalmente paralizada” e aclara que “non hai desculpa posíbel pois os trámites están feitos e hai partidas orzamentarias contempladas no orzamento para poder realizar as actuacións necesarias”. Vázquez cre que hai unha demora interesada para non avanzar en proxectos que foron propostos polo Bloque. O concelleiro, Luís Pérez Barral, lamenta como o BNG non é a primeira vez que denuncia os atrasos inxustificados en obras importantes para a veciñanza como é a biblioteca pero tamén a estación de autobuses, o remate do centro social de Carreira, a reforma integral do centro social de Corrubedo, etc. “e non será a última” asegurou.

Xeración de emprego e fomento da lingua e da cultura

Defendemos que este proxecto debe ser unha prioridade pois, segundo indican, a construción da nova biblioteca xeraría postos de traballo nun momento moi necesario e permitiría dispoñer dunha infraestrutura que melloraría o exercicio do dereito á cultura e á información que ten a veciñanza, así como aumentar a dinamización e potenciación da cultura e lingua propias de Galiza.

Vázquez Cobas defende que o benestar dos cidadáns mídense tamén polo seu acceso á cultura e, para que un municipio poida gozar dese dereito fundamental, ten que ter unha biblioteca en condicións. Por todos estes motivos o BNG vai demandar celeridade na execución deste proxecto, porque a nova biblioteca é unha proposta defendida desde hai anos polo Bloque e para a cal non pode haber máis demoras.

Un comentario en «O BNG denuncia o atraso na construción da nova biblioteca de Ribeira»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.