O BNG demanda rematar a perigosa obra inacabada da rúa de Lugo

Xosé Vázquez: “é un foco de lixo e de grande perigosidade, Ruiz Rivas non pode mirar para outro lado”


A rúa de Lugo ten unha parcela na que se comezou a construír un edificio que desde hai anos está paralizado. O edifico sen rematar é un perigo para veciños e veciñas, non só pola lamentábel situación na que se atopa a obra e o seu peche exterior, senón polo deterioro que ten causado nas beirarrúas da rúa de Lugo e da rúa Correos.


Para o voceiro nacionalista, o deterioro das beirarrúas é importante pero o que “é especialmente grave é o buraco que se fixo e que está sen tapar facendo que parte dunha beirarrúa estea practicamente no aire”. O BNG apunta que hai unha grande preocupación e inseguridade polo risco que existe a que haxa un derrubamento.


O Bloque recolle o sentir da veciñanza e das persoas que frecuentan a zona pois alén da inseguridade estase a converter nun foco insalubre que acumula maleza, lixo e cascallos en pleno centro da cidade.


Vázquez Cobas criticou a actitude do alcalde que prefire mirar para outro lado, “non é lóxico o desleixo do goberno cando existe un risco para a vida das persoas”.


Ante esta situación o BNG rexistrou unha iniciativa para que se inicie, sen demora, un expediente de execución subsidiaria, cuxo fin sexa, acondicionar a obra ata o nivel das beirarrúas para evitar a súa perigosidade e poder así urbanizar a contorna da obra nas rúas Correos e Lugo. En caso de que as persoas propietarias do terreo non cumpran con isto, desde o BNG apóstase por que o Concello de Ribeira realice os traballos necesarios e se lle pase logo o custo.


Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.