BNG pide actuacións urxentes para deter o deterioro ambiental e a merma produtiva da Ría de Arousa

A ría de Arousa non só representa un ecosistema único no mundo, se non que ademais supón o sustento directo e indirecto de miles de familias de toda a contorna. Esta ría era coñecida como a “ría máis produtiva do mundo” dada a súa fecunda produtividade mais desde hai anos isto xa non é así .

A deputada Rosana Pérez e o alcalde rianxeiro Adolfo Muíños compareceron xunto cos portavoces do BNG en Ribeira Luís Pérez e Boiro Raquel Suárez, desde Os Lombos do Ulla para explicar as novas iniciativas que se debaterán no Parlamento nas que lle reclaman medidas urxente á Administración galega diante do descenso continuado da produción.

A deputada nacionalista explicou que “malia a riqueza extraordinaria da ría de Arousa, o Goberno galego non está dentro dos seus obxectivos ter unha calidade das augas que garantan esa biodiversidade e esa capacidade produtiva ante unha situación que é clamorosa”.

Os  datos da Plataforma Tecnolóxica da Pesca, da Consellería de Mar, demostran que o descenso produtivo nos últimos vinte anos é estrepitoso nalgúns casos, como no do berberecho ou no do reló onde na actualidade só se está a producir o 22,8% e o 13,8% respectivamente da media da produción dende o ano 2002.

Así, se a produción media de berberecho no período 2002-2021 foi de 724 Tn./ano, no 2021 só se produciron 165 Tn. No caso do reló, a súa presenza na ría non pasa de ser testimonial e fronte á produción media de 493 Tn./ano entre o 2002-2008 e o 2015-21, no 2021 foi de 68 Tn. O descenso é tamén moi preocupante noutras especies como a ameixa babosa, a fina e a rubio, ou como o camarón e o percebe.

Pérez Fernández mostrou o apoio do BNG ás confrarías, agrupacións de mariscadoras e as asociacións de produtores de mexillón, así como ás distintas asociacións ecoloxistas, “o sector do mar arousán é consciente de que non hai un único problema pero asiste desolado á inacción do Goberno galego”.

Pola súa banda, o rexedor rianxeiro argumentou que é unha necesidade inmediata implementar medidas e poñer recursos humanos, económicos e tecnolóxicos para investigar as condicións ambientais, os vertidos, a calidade da depuración das EDAR e a calidade das augas dos ríos que desaugan na ría de Arousa. Segundo Muíños a propia ría está abocada a un empeoramento e a un deterioro aínda maior que será cada vez máis difícil de corrixir e que implicará unha perda aínda máis importante de produción e, polo tanto, de postos de traballo.

Desde o BNG indicamos que as solucións teñen que vir da man das análises e dos estudos que encamiñen as medidas a tomar, a comezar polas máis urxentes para deter o declive e a seguir polas que leven paulatinamente á recuperación ambiental e ao incremento dos niveis de produción.

A Xunta de Galiza dispón de centros propios de investigación como o CETMAR, o CIMA e o INTECMAR, conta co Observatorio Costeiro de Galiza, colabora e promove distintos estudos e traballos coas universidades galegas e recibe asesoramento do IEO, entre outros. No entanto, o sector en particular e a sociedade en xeral pregúntanse por que se ten chegado a esta situación crítica e por que, existindo os medios técnicos, fallan as decisións e as actuacións políticas que puideran tela evitado.

“Agora, se o Goberno galego quere poñerlle remedio, xa non é momento de parches. Agora cómpre analizar e intervir decididamente, conxuntamente co sector, de deseñar un plan de actuacións a curto, medio e longo prazo, e de destinar os recursos humanos e económicos necesarios que permitan recuperar medio ambientalmente e produtivamente a ría de Arousa” concluíu Pérez Fernández.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.