O BNG cualifica os orzamentos da Xunta como decepcionantes e escasos para a Barbanza

Pérez Fernández: “Nin son os máis altos nin os máis sociais da historia”
Inician un proceso de elaboración de emendas que xorden das demandas dos colectivos sociais da comarca

O Bloque Nacionalista Galego da Barbanza vén de facer unha análise dos orzamentos da Xunta para o ano 2021, concretamente das partidas dedicadas á comarca. “Nin son os orzamentos máis altos nin os máis sociais da historia”, indica a deputada Rosana Pérez Fernández. Para os nacionalistas, o documento presentado polo Partido Popular non recolle as necesidades que ten a comarca da Barbanza nove meses despois de se iniciar unha pandemia, nin nin eido sanitario, nin no social, nin no económico.

O BNG analiza o documento orzamentario presentado hai uns días no Parlamento Galego, “as partidas, os números e os conceptos, non os compromisos. Descoñecemos os compromisos que algúns alcaldes do PP da comarca din ter co PP da Xunta. Nós cinguímonos, como é obvio, ao documento entregado” declara Pérez. Segundo os números, os orzamentos para a comarca da Barbanza son inferiores aos do ano 2020 “tanto cuantitativamente como cualitativamente. Non encamiñan cara a saída da crise, nunha comarca que, pese a todo, segue a ser moi dinámica social e económicamente, e cun peso poboacional importante”.

Salvando a dotación para infraestruturas, onde hai un investimento para EDAR e melloras de sistemas de saneamento, o resto está practicamente desaparecido ou é inexistente nos orzamentos da Xunta.

Melloras sanitarias, ausentes

A respecto da crise sanitaria e social da comarca non se atopan investimentos destinados a paliala. Destacan, por exemplo, a ausencia de partidas destinadas a mellorar os centros de saúde como poden ser os de Palmeira, Aguiño ou Corrubedo, entre outros. “Estes orzamentos non plasman melloras de recursos humanos nin de recursos materiais nos consultorios da comarca”.

En canto ao Hospital da Barbanza, incluso despois de que o presidente da Xunta prometese hai poucas semanas que se ía acometer unha nova planta de hospitalización no centro, algo moi demandado por profesionais e usuarios, os orzamentos para o 2021 reflicten un total de 0 € para esta mellora.

Facendo referencia a outra vella demanda do concello de Ribeira e de toda a comarca, apuntan que non se destina nin un euro á construción ou rehabilitación dalgún edificio para unha residencia de maiores. “Só hai unha en toda a comarca, absolutamente insuficiente e nin tan sequera é pública”.

Non hai partidas para estudos de viabilidade dunha conexión ferroviaria na comarca nin mostra de intención de crear chan industrial, “unha reclamación que hai que atender nunha comarca que demanda creación de emprego”.

O sector do mar: o gran esquecido

En relación coa consellaría do Mar, nun momento no que o sector do mar foi declarado sector esencial e con gran parte da hostalaría pechada, un sector que padeceu e padece especialmente as consecuencias da pandemia, o documento orzamentario non propón medidas nin acompaña a xente do mar. “O Partido Popular non lle bota unha man a un sector tan importante para esta comarca como é o do mar” sinala a deputada nacionalista.

A conclusión que extraen os nacionalistas do documento é que o Partido Popular non ten vontade para solucionar a crise sociosanitaria na que a comarca está inmersa. En definitiva, cualifican os orzamentos para o ano 2021 de “altisimamente decepcionantes e moi escasos para unha comarca como a nosa, dinámica social, económica e poboacionalmente”.

Elaboración de emendas que recollen demandas sociais

Tendo en conta todo isto, a responsable do BNG na comarca, Elvira Branco, indicou que xa deron comezo a un proceso de elaboración de emendas, localidade a localidade, que “recollerán o traballo realizado nos últimos meses man a man con entidades sociais da Barbanza”, coas que pretenden solucionar o maior problema do documento presentado polo Partido Popular: a ausencia de medidas destinadas a paliar a crise sociosanitaria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.