O BNG visita a EDAR para comprobar o seu funcionamento

Os concelleiros do BNG, Xosé Vázquez Cobas e Luís Pérez Barral inspeccionaron a Estación de Augas Residuais (EDAR) de Ribeira acompañados do director da obra, a responsábel de Augas das Concas de España (ACUAES) e dun responsábel de Augas de Galiza, da enxeñeira municipal, alcalde e outros edís. Esta visita realizouse grazas a unha solicitude realizada polo BNG.


Características da depuradora
A depuradora de Ribeira, supuxo un investimento de máis de 20 millóns de euros ten unha capacidade para 29.721 m³/día o que significa que pode atender a unha poboación de 32.500 habitantes equivalentes. A EDAR de Ribeira conta cun emisario de 1075 metros (476 terrestres e 600 submarinos) que verte os residuos depurados a uns 27m de profundidade. A depuradora que lle dá servizo ás parroquias de Palmeira, Ribeira, Carreira, Castiñeiras e Aguiño conta con 7 tanques de tormenta nos que recolle a auga.



Sistema de depuración
O sistema de depuración é unitario, isto quere dicir que malia que nas obras novas xa se están separando, as augas pluviais e as fecais trátanse de maneira conxunta. As augas canalízanse cara a depuradora, unha vez que augas residuais chegan á EDAR pasan por un pretratamento (imaxe 1) onde se lle retiran os sólidos maiores de 3 mm, despois pasan a un tanque reactor biolóxico (imaxes 2 e 3) onde se osixena a auga para facer que os microorganismos presentes na auga eliminen os restos orgánicos de xeito natural. Con este proceso tamén se consegue que as graxas suban e poidan redirixilas a un espesador de fangos.


Unha vez realizado este proceso a auga pasa unha decantación secundaria (imaxes 4) onde se deixa repousar para que a materia orgánica restante poida sedimentarse no fondo para que o aspirador a recolla para levala ao espesador de fangos e unhas centrífugas (tambores onde se lle quita a auga) para logo depositalos nun recipiente pechado para o seu traslado por un xestor autorizado para a reciclaxe ou queima.


Finalmente a auga vai a un tratamento terciario (imaxe 5) no que se pasa a auga por un sistema de filtrado para despois ser sometida a luz ultravioleta para mellorar a calidade da auga que se vai verter no mar polo emisario sumarino.


Onde hai problemas?
Os problemas da EDAR non radican no punto final, na estación depuradora, que funciona correctamente, senón que se están a producir nos tanques de tormenta, nomeadamente no tanque de tormenta de Areeiros, o segundo de maior capacidade dos 7 existentes situados nas Carolinas, Pedra Pateira, Ameixida, Revolta, Castiñeiras, Areeiros e Aguiño.


Os tanques de tormenta serven para recoller os primeiros 20 minutos das augas pluviais que se recollen cando chove abundantemente. Nestes tanques tamén se fai un filtrado dos sólidos máis grandes para evitar ter que bombealos até a planta. Estes sólidos retíranse de maneira periódica.
O problema dos cheiros provén de diversos factores entre os que destacan:


Distancia: os residuos teñen que percorrer unha distancia longa máis de 10km entre Ribeira e a EDAR o que provoca que os residuos consuman o osíxeno e vaian fermentando problema que se ve agravado pola infiltracións de auga salgada: que provocan reaccións químicas coas augas residuais.
Falta de desodorización: o sistema debe ser reaxustado xa que non facilita a suficiente renovación de osíxeno
Residuos industriais: estes residuos mestúranse cos urbanos provocando reaccións químicas que producen cheiros.
Depósito e bombeo insuficiente: a empresa nun primeiro momento bombeaba por debaixo dos estándares marcados polo que os residuos acumulábanse nos tanques de tormenta e provocaban sedimento.


Solucións
As solucións foron apuntadas no estudo da rede de colectores e tanques de tormenta que encargou o concello a unha empresa de enxeñería especializada, EPTISA (Consultar Proxecto) e que sinala as seguintes cuestións:


- Evitar as infiltracións de auga mariña nos puntos nos que está detectada, principalmente en Palmeira e nos puntos que se detecten.
- Paralizar a entrada no sistema de saneamento urbano de residuos industriais que alteran, xunto coa auga salgada, a composición química dos urbanos provocando cheiros.
- Reforzar a desodorización dos tanques de tormenta e a súa limpeza para evitar que se produzan cheiros.
- Mellorar o sistema de venteo dos sifóns así como sometelos a pequenas obras de melloras e, nomeadamente, no sifón final.
- Solventar os problemas hidráulicos reaxustando a potencia das bombas á carga de augas residuais que se atopan en circulación.


O sistema esta en período de probas, no suposto de persistiren os problemas a postura do BNG é que se implementen todas as medidas acaídas que fosen precisas para solucionar o problema. Estas medidas deberán ser tomadas segundo criterios técnicos a raíz dunha comisión de especialistas na materia creada ao efecto. De ningún modo o BNG está disposto a aceptar unhas obras que causen problemas na veciñanza. Do  mesmo xeito o BNG expuxo a necesidade de rematar cos focos de contaminación dirixíndoos á rede de sanemanto xeral e púxose como exemplo o foco de contaminación que existe no porto de Ribeira.
Na visita tamén se falou da necesidade de levar ata o mar o punto de aliviadoiro dos Areeiros e non deixalo no río xa que este apenas ten saída ao mar.


A postura do BNG é que o Concello de Ribeira non debe recepcionar a obra se non están todas as deficiencias subsanadas e o sistema no seu conxunto estea funcionando correctamente sen crear prexuízos aos veciños e veciñas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.