O BNG apela á implicación dos homes na loita contra todas as formas de violencia machista

A través da reprodución de distintas manifestacións de violencia contra as mulleres, unha interpelación: “Isto é violencia. E non hai escusas. Ti, como HOME, que vas facer?”

Con motivo do 25N, Día internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o BNG interpela aos homes “para que nos activemos na denuncia, no combate e na loita contra a violencia machista, en todas as súas manifestacións e en todas as súas formas”, segundo indicou o responsable de Comunicación, Luís Pérez Barral.

Pérez Barral explicou que o Bloque escolleu este enfoque para realizar a súa campaña do 25N porque a violencia machista é exercida por homes, dentro do sistema patriarcal no que vivimos e, “polo tanto, nós entendemos que o lóxico é que o papel dos homes sexa tamén posto no centro do debate e no centro das solucións a este problema”. Desde esta perspectiva, tamén recordou que, habitualmente, as campañas tanto institucionais como doutro tipo, adoitan centrarse en “responsabilizar dalgunha maneira ás mulleres na denuncia e en poñer fin ao círculo dunha violencia que padecen, pero que non exercen”, mais o BNG entende que “este non pode ser o único enfoque”.

Logo de manifestar que “somos conscientes de que esta campaña poida resultar incómoda a algúns homes”, recalcou que se a violencia machista existe “é porque hai homes que a exercen e entendemos que chegou o momento de que nós deamos un paso adiante na loita contra esta violencia e que non hai escusas para non facelo”.

Así pois, a campaña, que se desenvolverá fundamentalmente nas redes sociais do BNG e na internet dende hoxe e ata o propio 25N, reproducirá a través de distintas imaxes e contidos, situacións que todas e todos podemos recoñecer nas nosas contornas cotiás como diferentes manifestacións deste tipo de violencia dende ás manifestacións físicas, ata aquelas de carácter psicolóxico ou simbólico e que se da en todos os planos, tanto no afectivo ou sexual, como no sociolaboral. Todas as representacións da violencia machista recollidas na campaña rematan cunha mesa frase a modo de leitmotiv: Isto é violencia. E non hai escusas. Ti, como HOME, que vas facer?. “Esa é a apelación que facemos este ano a todos os homes; non vale mirar para outro lado, hai que dar un paso adiante, hai que comprometerse e activarse no combate contra as violencias machistas”, afondou.

En relación á aposta polos soportes dixitais, Barral incidiu na intención do BNG de facer tamén especial fincapé no ámbito da mocidade porque “é un ámbito que nos preocupa especialmente, no que se leva detectado nos últimos anos un incremento, unha certa normalización incluso, dos discursos machistas, no que entendemos, polo tanto, que hai que traballar de forma especial e as redes sociais e a internet permiten facelo dunha forma máis directa”.

Por último, o responsable de Comunicación aproveitou o acto para pedir tamén unha reflexión sobre o marco normativo galego neste ámbito de actuación. “Galiza conta dende a época do Goberno bipartito cunha Lei de Violencia Machista que foi pioneira e que aínda segue sendo referente en moitos aspectos a nivel de Estado”, asegurou, para a continuación subliñar que a lei contemplaba medidas no seu articulado, tanto de sensibilización como doutros importantes aspectos, entre os que citou como exemplo o tratamento psicolóxico para os homes que exercen algún tipo de maltrato. “Pensamos que infelizmente esta lei non está sendo desenvolvida como corresponde e tamén queremos aproveitar a data de hoxe para solicitar do Goberno galego o seu desenvolvemento pleno”, concluíu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.