O BNG anima a consumir no comercio ribeirense

Pérez Barral congratulouse de que o bono comercio, medida proposta polo BNG, sume xa tres anos estimulando a economía local

O BNG ribeirense iniciou unha campaña de apoio ao comercio local baixo o lema “Mellor local, mellor galego” coa que procura concienciar á poboación sobre a importancia de realizar as compras nos negocios da localidade.

O responsable local da formación, Rafael Pazos, fixo un chamamento a consumir no comercio de proximidade nestas datas de grandes compras pero tamén o resto do ano porque “consumir produtos galegos, xera riqueza e emprego e reforza o comercio sustentable”. Pazos considera que consumindo nos negocios locais favorécese a dinamización económica da nosa contorna, axúdase a persoas próximas e obtéñense produtos a bo prezo e de calidade.

Propostas en positivo para o comercio

Pola súa banda, o alcalde, Luís Pérez Barral, avanzou que se vai seguir impulsando este sector “gravemente afectado pola inflación e a crise de prezos”. Barral puxo en valor o bono comercio por ser unha iniciativa proposta polo BNG que contou co aval do sector comercial. “Grazas a esta medida, beneficiáronse máis de 3.300 persoas e xera un impacto económico superior aos 300.000€ nos comercios da localidade. Segundo o rexedor, están recibindo moitos comentarios positivos por termos impulsado unha medida como esta, por iso aclarou que “imos seguir nesta liña de traballo”.

A campaña de apoio ao comercio local do BNG inclúe outras propostas como a necesidade de promover unha nova Lei do comercio local para regular horarios ou tempadas de rebaixas porque “a lexislación do Partido Popular está feita á medida dos grandes en detrimento do comercio minorista que é o que realmente lle dá vida ás rúas das vilas e aldeas”.

Os nacionalistas tamén puxeron en valor a colaboración entre o Concello de Ribeira e a Universidade de Santiago grazas á cal se creou un selo de calidade que identifica a orixe e a sustentabilidade dos produtos pesqueiros e marisqueiros. Por último tamén avanzan que tratarán de impulsar a formación para hostaleiros e comerciantes dándolle resposta ás demandas do sector.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.