O BNG acusa á Xunta de conivencia con Monbus ante os constantes problemas do transporte público

Esiximos solucións inmediatas e sancións á empresa por incumprimento de contrato

Desde o BNG facémonos eco das queixas veciñais polos constantes atrasos dos horarios de autobús, a falta de espazo no transporte escolar ou os problemas que ten a mocidade coa tarxeta Xente Nova, entre outros problemas e anunciamos a presentación de novas iniciativas parlamentares para esixir solucións inmediatas que resolvan os problemas do transporte público.

A deputada Rosana Pérez e o deputado Paulo Ríos estiveron en Ribeira acompañados dos portavoces do BNG en Ribeira, Boiro e A Pobra para lembrar que se cumpre un ano da visita da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade a Ribeira para anunciar “a bombo e prato” que o servizo de transporte público estaba moi mellorado desde que houbera as novas concesións pero a realidade é ben distinta.

A deputada Rosana Pérez recrimina a conivencia do Goberno galego con Monbus pois “malia existiren probas e centos de sinaturas recollidas polo BNG que corroboran que hai autobuses que non pasan, atrasos inasumíbeis e mesmo hai rapazada que chega tarde á casa ou ao instituto, non se abriu ningún expediente sancionador”.

“A conselleira e o alcalde de Ribeira deben deixarse de ter reunións nas que se sacan a foto pero non resolven ningún dos problemas existentes. É unha necesidade perentoria actuar xa porque hai persoas que chegan tarde ao traballo, ás citas médicas ou mesmo aos centros escolares” asevera Pérez Fernández.

Pola súa banda o deputado responsábel de mobilidade, Paulo Ríos ‘Kai’, denuncia a falta de planificación e o empeoramento de servizo que supuxo a posta en marcha do novo Plan de Transporte da Xunta. Segundo Ríos, “estamos ante outro mes de setembro caótico nas liñas escolares pero tamén nas liñas regulares e a conselleira fai ouvidos xordos ás demandas que fan as ANPAS e os propios usuarios e usuarias do transporte público.

Este problema está a darse por todo o país coa conivencia da Xunta de Galiza que non actúa para resolver os problemas que padece a poboación usuaria do transporte público. Ante esta situación, anunciamos que estudaremos novas accións e que mañá mesmo se debaterá unha iniciativa no Parlamento con propostas do BNG para reforzar o transporte público, garantir o cumprimento dos horarios, inspeccións para facer que se cumpran as condicións estipuladas en cada liña e bonificacións para a mocidade e para as persoas máis vulnerábeis.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.