Os edís Bloque, Luís Pérez e Cruz Rivadulla, trasladaron propostas concretas e os problemas de tráfico, a falta dunha boa planificación e instaron ao goberno local a establecer unha estratexia a longo prazo para avanzar na ordenación das rúas peonís, mellorar os aparcadoiros disuasorios e garantir a accesibilidade nas beirarrúas.
Valoramos negativamente que Ribeira careza dun plan de transporte público, que o goberno non avance na remunicipalización do aparcadoiro do Centenario ou que non se fagan peonalizacións de novas rúas. “O alcalde debe deixar de prometer á lixeira cuestións que logo non vai cumprir porque iso xera malestar na poboación”.
Trasladamos a necesidade de cumprir co acordo que se chegou cos comerciantes da rúa Rosalía de Castro para realizar a reforma desa rúa, ordenar os accesos e as cargas e descargas nas rúas peonís, aumentar e mellorar a sinalización dos aparcadoiros públicos, crear camiños escolares seguros e avanzar no calmado do tráfico.
Xestión pública do Centenario
Pérez Barral lamenta a situación do aparcadoiro do Centenario porque a política privatizadora do PP provocou un encarecemento nos prezos e un caos na xestión.
O BNG defende a xestión pública do Centenario para poder poñelo a disposición da veciñanza con tarifas reducidas e bonificacións para aquelas persoas que merquen no comercio local. Esta medida, permitiría axudar ao comercio local a mellorar as súas vendas e tamén se aumentaría o número de estacionamentos públicos, algo moi necesario a día de hoxe.