O Bloque demanda melloras en seguridade viaria na costa da Mámoa

Os nacionalistas denuncian a “desidia” e “a incapacidade” para executar os acordos plenarios aprobados


O BNG ribeirense rexistra unha iniciativa na que insta ao goberno municipal a acelerar as obras de construción dunha beirarrúa na rúa alcalde Fernández Bermúdez, na costa da Mámoa, pola marxe dereita en sentido ascendente e tamén a realizar unha limpeza da vexetación.


Veciños e veciñas da zona da Mámoa, puxéronse en contacto co BNG para denunciar o malestar pola situación na que se atopa a beirarrúa desa zona, pois segundo lle puideron explicar ao concelleiro Luís Pérez Barral “séntense abandonados” polo goberno local. O edil nacionalista así o constatou posto que na única beirarrúa que hai, a vexetación invade todo dificultando o paso dos viandantes, e se ten que pasar alguén cun carro de crianzas ou compra ou persoas con mobilidade reducida xa tería que baixar á calzada.


Desde o BNG lembran que existe un acordo plenario para dotar a outra marxe da estrada dunha beirarrúa pero pouco se ten avanzado. Segundo Pérez Barral “a desidia do equipo que dirixe Ruiz Rivas en construír a nova beirarrúa e a falta de limpeza da única que hai, provoca que as persoas que camiñan por esta rúa teñan que pór a súa vida en perigo creando situacións de inseguridade viaria ao ser unha zona de curvas”.


Ademais da “desidia” o edil nacionalista denunciou “a incapacidade de rematar obras en tempo e forma” pois hai outra obra nun tramo da rúa alcalde Fernández Bermúdez que non está nin rematada malia custar 93.000€ e ter comezado en maio de 2017. “Hai unha semana denunciábamos o atraso nunha rúa de Palmeira, agora estamos denunciando este en Ribeira pero hai moita máis”, argumentou Pérez Barral.


Os nacionalistas cren que se debería acelerar o proceso para dotar á zona de beirarrúas na outra marxe, coidar a roza e limpeza da vexetación para evitar que esta invada a estreita zona de paso que hai na actualidade así como rematar a obra inacabada, por iso rexistraron unha iniciativa para instar ao goberno a porse as pilas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.