O alcalde trampea a votación que pedía deter os recortes no ensino para evitar perdela

O alcalde, Manuel Ruiz, non conta varios votos para evitar perder a iniciativa que esixía que a Consellaría de Educación parase os recortes nos centros educativos

PP e PSOE consuman o seu pacto e votan en contra da proposta do BNG para mellorar o Conservatorio e as condicións do seu profesorado

Asuntos tratados no pleno de setembro de 2021:

Proposta do BNG para pedir que a Consellaría de Educación paralice os recortes e manteña o mesmo número de desdobres, profesorado e recursos nos centros educativos de Ribeira

A Consellaría de Educación está a consumar recortes brutais no ensino público fechando unidades, reducindo profesorado e eliminando materiais en colexios e institutos. Temos que denunciar que está habendo unha planificación de desmantelación do ensino público que, na práctica, tradúcese en drásticos recortes de persoal docente, incremento desmesurado das ratios de alumnado por clase, perda de oferta educativa e abandono definitivo da atención á diversidade e minguar a calidade educativa en xeral.

Desde o Bloque denunciamos que o Partido Popular notificou os recortes de persoal en plena época vacacional para evitar as mobilizacións e unha vez rematado o período lectivo, o período de matriculación e coa planificación feita por parte das direccións dos centros educativos. A Consellaría aduce que o recorte prodúcese porque o curso que vén de rematar foi excepcional por mor da crise sanitaria e o que cómpre agora e volver aos niveis de persoal pre-covid nos centros. “Mais ningunha das dúas cousas é certa” desvelou o edil, Luís Pérez Barral. “Nin existiu tal excepcionalidade na dotación de profesorado no curso 2020-2021, nin tampouco agora se está a volver ao nivel dos cursos anteriores senón que se está a destinar aos centros un número menor de docentes que nos anos anteriores á pandemia” apuntou.

Os recortes son gravísimos e a falla de respecto que se está a ter cara o traballo realizado polas direccións dos centros e polo conxunto do profesorado evidencia claramente a nula vontade de diálogo e unha absoluta falla de sensibilidade cara ás situacións que se viven en cada centro. O menosprezo que sofren as familias e o propio alumnado que, unha vez rematado o curso e tendo xa realizada a súa matrícula, quedan agora a expensas de que as decisións unilaterais da Consellaría condicionen as súas previsións. E nun momento, o verán, no que o que se ten en conta é a dificultade de organización dos pais e nais para mobilizarse ou decidiren accións conxuntas de reivindicación e/ou de protesta.

O IES Nº1 de Ribeira é un centro que supera os 600 alumnos e alumnas, que imparte ESO, ESA, bacharelato diúrno e nocturno, alfabetización de adultos, que alberga, ademais, nas súas instalacións unha delegación da Escola Oficial de Idiomas e vén sendo referencia na comarca dende hai moitos anos. É un centro que ten un cadro de docentes que chega ás 72 persoas e ao que, con data de 26 de xullo, se lle comunica que a dotación será de 66 para o novo curso. Seis profesores e profesoras menos do que lle corresponde e dez menos que no curso 2020-2021. A maiores, unha praza de PT na que o seu titular vén de xubilarse e que, nestes momentos, está sen confirmar, aínda coñecendo a administración educativa que o centro conta con más de corenta nenos e nenas con dificultades educativas.

O recorte que pretende aplicar o goberno de Núñez Feijóo, de non rectificarse, implicará graves consecuencia á organización definitiva do centro, ao alumnado e, evidentemente, provocará unha perda importante de calidade educativa. As consecuencias máis inmediatas serán; aumento de ratios con aulas de de 28 alumnos, perda de agrupamentos en 1º e 2º de ESO, menor atención á mocidade que ten diversidade e dificultades, redución das materias optativas, eliminación da oferta de alfabetización de adultos e unha diminución da atención ás necesidades educativas especiais e ao alumnado con dificultades se se confirma a perda dun/ha profesional de PT.

Con esta decisión, a Consellaría de Educación é reincidente no concello de Ribeira, xa que tamén anunciou importantes recortes no CEIP de Palmeira, Artes, Aguiño, Deán ou Carreira e cun modus operandi practicamente idéntico no que aplica un recorte de dúas unidades nese centro educativo. A Xunta de Galiza debe rectificar porque as decisións que está tomando provocan un deterioro do ensino público e é imprescindíbel e urxente que estableza canles de diálogo coa comunidade educativa galega para evitar o malestar que está a crear e que medra segundo se vai coñecendo a irracionalidade e a falla de xustificación dunha política que, ademais de destruír emprego, incide negativamente no funcionamento dos centros, aumenta as carencias do sistema educativo e crea aínda maiores desigualdades.

Recortes xeralizados nos centros educativos

Os recortes confirmados en Ribeira a día de hoxe son de 11 profesores no IES Nº1, a redución de dúas unidades no colexio de Palmeira, o recorte dun profesor no colexio de Aguiño e medio dun profe de apoio, 1 profe no cole de Deán e 1 profe no cole de Carreira ao que cómpre engadir que no colexio de Artes hai vacantes que non se cobren. De feito o concelleiro nacionalista, Pérez Barral, recriminou que durante os gobernos do PP en Galiza rebaixouse un 5% os investimentos en profesorado para o ensino público mentres creceu a partida destinada a profesorado no ensino concertado e privado un 5,5%.

Cese da concelleira de Educación en Ribeira

O concelleiro, Luís Pérez Barral, expuxo que no BNG resulta de gravidade extrema que o alcalde se poña de perfil ante estas circunstancias e apoie os brutais recortes que pretende aplicar a Consellaría de Educación nos centros educativos de Ribeira. “Cómpre lembrar que o alcalde, como máximo responsábel do Concello, debe defender os intereses da veciñanza de Ribeira por riba dos intereses do Partido Popular” recriminou Barral.

“Lamentabelmente, unha vez máis, vemos que o alcalde claudica ante os ataques que o seu propio partido, o PP, fai aos servizos públicos. Preguntámonos tamén que é o que fixo a concelleira de Educación até o momento para defender os centros educativos do concello de Ribeira, porque non temos constancia de que en ningún momento saíse publicamente a apoiar as xustas demandas da comunidade escolar, tanto do colexio de Palmeira como do Instituto Nº1”. Malia que o goberno local incumpre de maneira sistemática a convocatoria do Consello Escolar Municipal de Ribeira –regrado nunha reunión cada 3 meses- é rechamante que a responsábel desa área municipal non se convocase o Consello Escolar nin tratar asuntos tan importantes como as necesidades de cada centro para afrontar a pandemia, a coordinación entre os centros e o concello, etc.

Caos na votación

Cando se fixo a votación, o alcalde non computou os votos de varios concelleiros e concelleiras do PBBI alegando que non levantaran a man porque non estaban atentos. Nas imaxes captadas pola gravación, vense un mínimo de 9 concelleiros e concelleiras votando a favor da proposición do BNG en contra dos recortes educativos e quedaría un empate cos 9 en contra do PP, polo que habería que repetir a votación como marca a lexislación. O alcalde, nun golpe autoritario, decidiu non repetir a votación, expulsar a un edil do PBBI e só contabilizar 5 votos a favor de BNG, PSOE e SR e os 9 en contra do PP facendo que a proposta decaera.

Ante esta situación, desde o BNG imos esixir que se repita esa votación porque non responde ao sentir da maioría da Corporación pois os grupos de BNG, PBBI, PSOE e SR xa mostraran os seu claro apoio á proposta que presentamos.


PP e PSOE votan en contra da proposta do BNG para mellorar o Consevatorio de Música e mellorar as condicións do profesorado

O BNG presentara a proposta a mediados de xuño mais polo atraso que hai nos Plenos non puido ser até este mes de setembro cando se puido debater. Desde o BNG trasladábamos nesta proposta unha serie de reclamacións que facía o profesorado e o alumnado do Conservatorio Profesional de Música “Enrique Paisal” de Ribeira. Foi o concelleiro, Luís Pérez Barral, o que expuxo que o centro precisa unha reforma integral de maneira urxente que permita a insonorización das aulas que eviten o ruído do tráfico ou atallar as humidades e o frío que rexistra no inverno e as altas temperaturas que se rexistran coa chegada do bo tempo. “Non son pequenas manchas, estamos falando de que a humidade se estende polos tres andares e provoca a aparición de fungos que poden prexudicar a saúde do alumnado e do profesorado”.

Outra das problemáticas que ten o Conservatorio é que a maior parte do profesorado está contratado por debaixo das 30 horas o que provoca serios inconvenientes á hora de impartir as aulas, tendo que aglutinar tantos instrumentos como poden nunha mesma aula para os cales non existe repertorio común ou, simplemente, o seu conxunto non ten un interese nin musical nin didáctico para o alumnado.

Desde o Bloque pedímoslle ao goberno local que, ademais de aumentar as horas do profesorado, se contrate un especialista en pedagoxía infantil co que retomar a escola de música. Segundo Barral, hai demanda por parte das familias e a contratación deste especialista facilitaría a incorporación das crianzas desde os tres anos a 6 anos ao ámbito musical.

Todas estas peticións foron rexeitadas cos votos de PP e PSOE baixo a desculpa que xa estaban no Orzamento de 2021 que ambos partidos pactaron. A proposta contou cos votos a favor de BNG, PBBI e SR.

 

 

 

Outros asuntos

Conta Xeral. Desde o BNG lamentamos que do Orzamento 2020 tan só se executara nun 54%, ou o que é o mesmo, o 46% dos cartos habilitados deixáronse sen gastar pola inoperancia do equipo de goberno encabezado por Ruiz Rivas. Esa baixa execución produciuse no ano da pandemia, cunha crise sanitaria e económica, ano no que a xente precisaba que o goberno local fixese todo o posíbel para axudar os ás persoas máis vulnerábeis e os sectores económicos máis damnificados.
Votos a favor de PP e PSOE, abstención de SR e en contra de BNG e PBBI.

Colocación dunha lousa co nome de Alex Vidal Sánchez, polos seus méritos deportivos, no paseo de Castiñeiras. Aprobado por unanimidade

Aprobación dos festivos locais para 2022 que serán martes de entroido e o día de Santa Uxía. Aprobado por unanimidade

Proposta para realizar accións que melloren a conexión do transporte público coas praias do municipio. Aprobado por unanimidade

Proposta sobre melloras integrais no barrio das Avesadas. A proposta contou cos votos a favor de BNG, PBBI e SR. O PP e o PSOE rexeitaron a proposta e aprobaron unha emenda que desvirtuaba a proposta orixinal.

Proposta para mellorar os mantementos e o sistema de aviso de incidencias a nivel municipal. Aprobado cos votos a favor de BNG, PBBI, PSOE e SR e os votos en contra do PP.

 

Imaxe da capa: La Voz de Galicia. Marcos Creo

Un comentario en «O alcalde trampea a votación que pedía deter os recortes no ensino para evitar perdela»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.