O Alcalde de Ribeira incumpre o Regulamento Municipal de Honras e Distincións

O Alcalde e o goberno do PP de Ribeira incumpren o Regulamento de Honras e Distincións ao asignarlle a denominación dunha rúa a unha persoa viva sen o acordo unánime do Pleno, tal como se recolle no artigo 23 deste Regulamento.

O Pleno de Outubro, aprobou só cos votos a favor do PP a denominación da Avda. Ramiro Carragal, en contra do recollido no mencionado Regulamento.

En reunión de Xunta de Voceiros Municipais celebrada o día 19 de setembro pasado, o Alcalde expuxo aos voceiros dos grupos da oposición municipal a posibilidade de “asignar a denominación dunha rúa a unha persoa viva”. Tamén expuxo que tal asignación segundo o “regulamento” debería contar coa aprobación unánime dos membros do Pleno. Non habendo nese momento tal unanimidade, o Alcalde remata dicindo que “sendo así, eu non o vou levar ao Pleno”.

Enténdese a nosa sorpresa cando, contra o afirmado na Xunta de Voceiros Local, na Orde do día do pasado Pleno de Outubro aparece un punto “3. Denominación da Avda. Ramiro Carregal”.

O BNG quere deixar claro diante da cidadanía que existe un Regulamento de Honores e Distincións aprobado polo Pleno da Corporación en sesión de 26 de novembro de 1984, e publicado no Boletín Oficial da provincia nº 32 o 27 de febreiro de 1985. Polo tanto totalmente en vigor mentres non sexa modificado ou derrogado. Por que o Alcalde enganou á Xunta de Voceiros Municipal e por que ocultou o Regulamento Municipal é algo que debería explicar.

O BNG mantén que as denominacións de rúas e honoríficas deberan ser obxecto de consenso e así o propuxo en Pleno. É posible e desexable pois tales honras transcenden ás xeracións. A actuación do Alcalde foi prepotente e sectaria. Mesmo sospeitosa de ilegalidade. Non só burlou á Corporación actual e á que no seu momento aprobou o Regulamento de Honras senón que utilizou como ariete á persoa proposta, merecedora sen dúbida de mellor xestión. A cambio ou por razón de que?

O BNG representa a unha parte importante da cidadanía pero tamén uns valores éticos e democráticos e un máximo respecto pola institución municipal. Cabería, diante de tan groseira actuación do Goberno Municipal, prantexarse sequera o sometemento que representaría a abstención no Pleno? O BNG propón, unha vez máis, máis alá de maiorías numéricas, a vía do consenso e o diálogo para a solución de situacións similares no futuro.

8 comentarios en «O Alcalde de Ribeira incumpre o Regulamento Municipal de Honras e Distincións»

  1. A proposta de designar unha rúa na honra do Sr. Carregal paréceme moi atinada. Fai falla facer notar que este persoeiro lidera a unha das cen primeiras empresas do ranking de Galicia (en concreto está no posto 21). Isto significa que é o principal tecido productivo que ostenta Sta. Uxía. Por tanto, queda á luz que hai unha boa bolsa de emprego directo, indirecto e inducido xenerado polo grupo empresarial que ten a honra de dirixir. Persoalmente non atopo discrepancia en facer xustiza sobre este asunto. Estou de acordo en que este nomeamento debe facerse baixo o principio de legalidade. Isto é , sometelo a debate, discusión plenaria e votación das forzas políticas locais. Debería ser por unanimidade para garantir a sintonía da sociedade de Santa Uxía. Non se pode querer erosionar ao goberno a base de darlle paus a quen xenera emprego. Unha grande parte das familias do concello viven económicamente grazas a unha empresa motor económico. Deberíase intentar que este grupo empresarial tamén liderase a innovación, a investigació e o desenvolvemento. Mais, entendo que este tema xa é máis profundo.

  2. Non vou a entrar en se é atinada ou non a idea de designarlle unha rúa a un empresario de Ribeira. Con todo, dicir que tampouco é moi usual esa medida: Amancio Ortega xa ten algunha rúa asignada en algún sitio? Penso que non, e as súas empresas están moito máis arriba no ranking, ou non? Polo visto non lle fixo falta unha honra deste tipo para chegar a onde está.

    En todo caso, aquí o que se está cuestionando é outra cousa. É que o alcalde e o seu goberno incumpriron de maneira máis que evidente a normativa vixente. Se foron capaces de facelo nun tema tan público coma este, que poderán facer con outro tipo de cousas máis “secretas”? Se non me equivoco, uns días despois do Pleno onde se tomou este acordo e outro igualmente polémico en relación coa gardería municipal, o alcalde “despediu” á secretaria municipal. Mal asunto!! Síntoo, pero o fin, por moi positivo que che pareza, neste caso coido que non xustifica os medios!!

  3. Estimado colega:

    Persoalmente advirto máis puntos de coincidencia que de desacordo. No caso concreto de Amancio Ortega non estás ben informado. Pois ben, Amancio Ortega financia a realización dun Máster na UDC e, neste caso, o seu anterior primeiro espada, o profesor José Mª Castellanos solicitou no nome de Amancio Ortega que non se fixera publicidade desta medida. Ten as súas razóns e eu coñézoas por proximidade á vida académica que desenvolvo. Por outra banda, xa estivo na opinión da corporación local de A Coruña este tema e foi o propio Sr Ortega quen declinou ata o de agora.
    Estimado colega, eu participo da opinión que ao emprendedor sempre, sempre, hai que incentivalo. Máis aínda, hai que xenerar cultura emprendedora e vitalizar esa iniciativa. Neste caso en concreto eu estou de acordo en que se publicite unha acción de goberno nomeando persoeiro egrexio a un home de empresa que xenera riqueza en Sta. Uxía. Podo coincidir contigo en que este nomeamento require unanimidade das forzas políticas presentes na corporación. Esa é a miña opinión: o consenso pleno. En modo algún xustifico o desgaste como medio. Con referencia agora ao cese da Secretaria do Concello e a temática que levou ao cese, direille que non teño unha información plena e solvente en todas as súas caras como para me pronunciar. Non me gusta a forma. Así pois, hai información que non manexo e por tanto non quero emitir un xuizo sen fundamento sólildo. Si ti o tes debes facerllo notar ás forzas políticas do goberno local. Fíxate, eu sempre asino co meu nome.

  4. Mal faríamos se consentimos en que nos desvíen a atención do asunto principal: Xosé Antón, sen entrar a valorar os méritos de ninguén, o que nos preocupa como representantes da cidadanía é que a institución municipal actúe, con esta ou con calquera outra persoa, de acordo á Lei. Esa unanimidade que comentas ademais de desexable (e posible, xa o dixemos no Pleno) é tamén esixida, neste caso, polo Regulamento Municipal aprobado polos nosos representantes no seu momento. Defender a Legalidade “non é dar paus”. En todo o caso se alguén os da é o Alcalde co seu proceder.
    Grazas por compartir a túa opinión.

  5. Por un lado, creo que o fin non xustifica os medios, e por moita maioría que teña o PP de Ribeira non lle da dereito a saltarse a lei.

    Polo outro, parece que aquí a creación de emprego serve de excusa para todo. Coido que hai moitos heroes e, especialmente neste caso, heroínas que teñen tan merecido ou máis que se lle adique unha rúa.

  6. Concordo que é importante non desviar o foco de atención do tema que nos ocupa. Pode unha institución democrática aplicar a lei de forma arbitraria dependendo de a quén? Coido que non. Para min isto non é opinable. Neste caso concreto hai un regulamento que establece unha UNANIMIDADE que non se deu en Pleno. Un regulamento que obviamente non está derrogado polo ROF, como di o alcalde nun medio de comunicación.

    Concordo tamén da necesidade de xerar cultura emprendedora. Para empezar, creando chan industrial, do que este concello ten unha grave carencia; responsabilidade, todo hai que dicilo, tanto deste alcalde coma do anterior. Outro tipo de medidas, por enriba adoptadas de xeito irregular, coido que non lle fan un favor a ningún emprendedor ou emprendedora (por certo, en Ribeira hai máis dun). Máis ben, todo o contrario. No caso que nos ocupa, este empresario xa é “Fillo Predilecto”, toda unha honra dende o meu punto de vista. Ao respecto de Amancio Ortega, se non ten ningunha rúa co seu nome, onde falla a miña información?

    Concordo tamén en que o fin non xustifica os medios e que se non se solventa este erro, desgraciadamente non vai a ser o único. E iso non nos pode dar confianza nun goberno que aspire a gobernar para toda a cidadanía. Por certo, “estimado colega”, non eres o único que asina co seu “nome” eu tamén asino sempre co meu “apelido”.

  7. Con “nomes” ou “apelidos” e mesmo con nomes e apelidos agradecemos as opinións vertidas polo ton e a coherencia mantidos. Moitas grazas porque, vendo o que hai por aí, isto ten o seu valor. Confrontar ideas, información veraz e aberta, e boas formas non son valores que coincidan moitas veces en Ribeira. Que se manteña neste foro.

Responder a Xosé Luís Groveiro Cancelar la respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.