O servizo de Normalización Lingüística do concello de Ribeira presentou no día de hoxe dúas accións de formación que comezarán a finais de setembro no Centro cultural Lustres Rivas.
Á presentación acudiu o rexedor local, Luís Pérez Barral xunto á responsable do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ribeira, Alicia Padín Otero.
Padín puxo en valor a continua formación que se está facendo dende o servizo de Normalización Lingüística e a continuación comezou presentando o curso de Iniciación á Lingua e á Cultura Galegas; este curso presencial e gratuíto de 20 horas, está dirixido ás persoas que se achegan por primeira vez ao galego e dará comezo o vindeiro luns 29 de setembro. Quen provén doutras comunidades lingüísticas poderá, con esta breve formación, obter as habilidades básicas de comunicación en lingua galega e as claves do acervo cultural de Galiza.
“Se acabas de chegar a Galicia, se aínda falas pouco en galego… Inscríbete no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira para participar desta nova formación” animou Padín.
A continuación Alicia presentou o xa tradicional curso de lingua galega dirixido ás persoas, maiores de 16 anos, que se vaian presentar ás probas CELGA da Xunta de Galicia. Este curso é gratuíto e en horario de tarde (martes e xoves de 19 a 21 h). A inscrición estará aberta aberta ata o día 30 de setembro, data na que dará comezo. Todas as persoas que teñan interese en asistir poderán inscribirse enviando un correo electrónico a normalizacion@ribeira.gal
Pérez Barral manifestou que con estes dous cursos dende o Concello de Ribeira, “seguimos promovendo a lingua galega para capacitar que a poboación o entenda e tamén poida animarse a falar en calquera momento ou circunstancia”. Barral salientou que hai persoas no concello que non coñecen a lingua galega, “e polo tanto temos que facilitar ferramentas para dar a coñecer o noso idioma e tamén animar á poboación que non o fala, a que se anime a falalo en calquer ámbito”. Rematou afirmando que “como administración pública temos un compromiso claro e ineludíbel por parte da lexislación vixente, que é promover o uso da lingua galega en tódolos ámbitos e actividades que facemos.”


