Muiñada de Amendo

Muiñada de Amendo

Hoxe, 21 de abril, estiven na “Muiñada de Amendo”. Trátase dunha festa popular organizada pola Asociación Cultural Altofalante nos muíños de Amendo (situados no Parque Natural en Vixán, Carreira) que pretende recuperar unha tradición moi importante: a “muiñada”, antiga xuntanza festiva de mozos e mozas en torno ós muíños mentres se esperaba pola vez para moer.

Foi unha festa moi entrañable, a que asistiu numeroso público. Mesmo “A Galega” non quixo faltar á cita emitindo en directo dende alí. Empezou ás 11:30 horas e prolongouse ata ás 21:00 horas, con actividades diversas ao longo de todo día. Iniciouse con unha explicación sobre os muíños de Amendo e a posterior moenda, a que seguiu unha fornada con degustación de pan de millo. De seguido fíxose unha repoboación por rapaces e rapazas do espazo queimado nos incendios do pasado verán.

O xantar, para o que todos e todas levamos comida para compartir, estivo amenizado por gaiteiros e gaiteiras que estrearon a “Muiñada de Amendo” composta por Pepe Romero especialmente para o día de hoxe. A actuación dun contacontos e dunhas pandereteiras, xunto con xogos populares alí instalados para a ocasión contribuíron a que pasaramos unha velada moi agradable.

Dende o BNG respaldamos este modelo cultural que contribúe á recuperación e posta en valor do noso: do noso medio ambiente, do noso patrimonio, das nosas tradicións, da nosa cultura e da nosa historia.

8 comentarios en «Muiñada de Amendo»

  1. Está moi ben recuperar as tradicións, pero a xuventude hoxe quere outras cousas. ¿Sabe D. Brión e o bng o que quere a xuventude? ¿Que opina do “botellón”? Saúdos.

  2. Ola Luís, agradezo moito o teu comentario porque o proxecto do BNG de Ribeira para a mocidade é moi importante e gustaríame responderche.

    Claro que entendo o que significa o botellón para a mocidade hoxe en día. Sei das consecuencias negativas que se dan en moitos destes encontros: lixo a moreas, destrozos do mobiliario urbano…, todas elas reprobables e que non se deben facer; e noutros casos, bebedelas de máis que poden traer consecuencias á mañá do día seguinte.

    Pero tamén che digo que hai algo destas reunións para pasalo ben que é o feito de compartir momentos entre a xente máis nova, algo que a priori é moi positivo. Porque precisamente o BNG quere que a mocidade participe de xeito colectivo de actividades complementarias ás copas. Falo, claro, de actividades de lecer en horario nocturno, en fin de semana, como por exemplo: cine, obradoiros musicais, as novas tecnoloxías, baile,... así como a organización de actividades deportivas nocturnas. Este é o compromiso do BNG que vai desenvolver no goberno. Como ves, e dígocho claramente, non falo de substituír as copas por actividades, pero dicirche tamén que a mocidade de Ribeira vai poder facer máis cousas polas noites que ir ata a delegación de Facenda ou ás praias a facer botellón. 🙂

    Tamén che quero falar do modelo de Casa de Xuventude que imos poñer en marcha a partir de que teñamos a alcaldía: primeiro queremos contar con vós que tedes inquietudes e iniciativa, que sodes moitos e moitas (eu ben o vexo como participades na organización da Festa da Dorna, da Festa da Chuvia, no Antroido, etc.), para que participedes na coorganización e funcionamento da Casa da Xuventude: propoñendo actividades, desenvolvendo reunións, etc. A Casa ten que ser vosa e así a tedes que sentir. Este tamén é outro compromiso de goberno. Contamos con vós!! 😉

  3. Ola! paréceme moi ben que o BNG participe desta festa que intenta recuperar tradicións pero tamén mira cara o futuro da nosa comarca, ademáis con xente moza capaz de organizarse. Fixeches mención do da casa de xuventude e paréceme moi importante para, por exemplo, ter local de ensaio nela (podería ser?) xa que cada vez hai máis grupos e música, iniciativa de moitos mozos e mozas que nos falta un lugar para ensaiar sen molestar, e non estaría mal de paso que o concello promocionara a estes ubicando un espazo para concertos con certa peridiocidade para darnos a coñecer, que opinas disto? saudos dunha rapaza moi orgullosa de que poidamos ter unha muller como alcaldesa 🙂

  4. Eu só quería darvos moitos ánimos e desexarvos sorte, porque sodes a mellor candidatura. Non só por ti Domi, que vas ser a primeira alcaldesa de Ribeira, senón por todos os que che acompañan neste proxecto que sei que teñen boas ideas e capacidade para levalas a cabo e por suposto polo compromiso e o proxecto que o BNG ten de país. Un país con identidade propia, aberto ao mundo, orgulloso da súa identidade nacional e comprometido cos seus cidadáns, sexan de onde sexan.

    Moita forza

  5. Ola María! As dúas cuestións que plantexas son vellas reivindicacións do BNG de Ribeira que, indudablemente, poremos en marcha cando gobernemos a partir de maio. Se non fose posible acondicionar un espacio na casa da xuventude, que espero que si porque penso que é un dos mellores sitios, buscaríamos outra ubicación. En todo caso o acondicionamento de locais de ensaio para grupos musicais con equipos de gravacións de maquetas é un compromiso firme que recollemos no noso programa.

    Do mesmo xeito, tamén che digo que a potenciación de actividades musicais de todo tipo, potenciando os grupos con compoñentes da zona, e a creación dun espazo multifuncional para que a mocidade e as entidades culturais poidan dispoñer del para reunirse, celebrar actividades, etc., tamén se recolle no noso programa e porémolo en marcha a partir de maio.

    Polo tanto, María, co BNG no goberno as túas demandas podes dalas por feitas. Unha forte aperta dunha muller moi orgullosa destas mozas e mozos con inquietudes, con capacidade de organizarse, que veñen pisando forte. Lembrade que contamos con vos!! 😉

  6. Gracias pola túa participación e polo teu apoio, Pepe. A verdade é que me sinto moi orgullosa do magnífico equipo que me acompaña: comprometido, capaz e con ganas de traballar por Ribeira e por este país. Estou segura de que a cidadanía non vai a desperdiciar esta oportunidade e vai a confiar en nós para gobernar este concello. Nós queremos poñer en valor todas as potencialidades que ten, que son moitas en todos os ámbitos, e lograr, coa participación de toda a cidadanía, que Ribeira sexa un lugar do que todas e todos nos sintamos moi orgullosos.

  7. Ola,

    Eu só quero saber se o blog está moderado, se ides publicar calquera comentario que se poña sempre e cando sexa respectuoso. Se é así agradezo a vosa iniciativa, porque neste concello fai falta moito dialogo.

    ¿Cales son as vosas expectativas? ¿Pensades que podedes derrotar o PP aínda que sexa ca axuda doutros grupos políticos?

  8. Ola Nacho, graciñas pola túa participación. En primeiro lugar, dicirche que, efectivamente, este blog está moderado pero que, de entrada, publicaremos todos os comentarios sempre e cando sexan respectuosos. De feito a idea do blog nace coa pretensión de ser unha canle máis de comunicación interactiva coa cidadanía.

    Con respecto á segunda parte, nós, ao igual que moita xente, consideramos que Ribeira necesita un cambio, non xa só de persoas, senón tamén de políticas (20 anos gobernados polos mesmos son demasiados: para algúns e algunhas representa toda unha vida, estamos falando de toda unha xeneración que non coñeceu outra forma de goberno). O BNG ofrece as dúas cousas: un bo proxecto de goberno para Ribeira e un bo equipo para levalo a cabo. Ademais preséntase a estas elección co aval dun traballo, entendemos que ben feito. Para mostra solo direi que o BNG acadou dende a oposición un polígono industrial comarcal de 1 millón de metros, cando o PP en 20 anos con maiorías absolutas en Ribeira, Santiago e Madrid non acadou nin un solo metro.

    Polo tanto, a cidadanía de Ribeira ten diante de si un reto importante o día 27 de maio, que seguro que non vai a deixar pasar: escoller quen quer que a goberne durante os vindeiros 4 anos. Pode optar por máis do mesmo, ou por un equipo paritario de homes e mulleres, preparado, capaz, con gañas de traballar por mellorar a calidade de vida de toda a cidadanía e de converter á centenaria nunha cidade moderna do século XXI, referente na comarca e no país.

    Nós estamos convencidos e convencidas que a maioría vai a optar polo segundo, polo tanto, aspiramos a liderar ese cambio que de seguro se vai a producir o 27 de maio, co apoio de todos e todas. Saúdos

Responder a Domi Cancelar la respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.