María Sampedro desafía a lei e veta o pleno sobre o pelotazo da residencia de Ribeira

BNG, PSdeG e os concelleiros non adscritos acusan a María Sampedro de cometer un “atropelo democrático” sen precedentes ao negarse a convocar a sesión extraordinaria solicitada pola totalidade da oposición.


O Partido Popular mantén paralizado o proxecto despois dun ano no goberno local, pretendendo trasladar a residencia a San Roque e dilapidando 800.000 euros xa investidos nas Saíñas.



Ribeira, 24 de setembro de 2026. Os grupos da oposición no Concello de Ribeira, BNG, PSdeG e concelleiros non adscritos, denunciaron publicamente o que consideran un “atropelo democrático insólito” por parte da alcaldesa, María Sampedro, quen por primeira vez na historia do municipio e como a máxima autoridade do Concello négase a convocar un pleno extraordinario solicitado polos grupos da Corporación Municipal. A petición rexistrada para pedir explicacións sobre o estado e tramitación da residencia pública de maiores, tiña que celebrarse no prazo de 15 días hábiles, un prazo que venceu este 24 de setembro sen que a rexedora realizase a convocatoria. Ante esta situación, solicitámoslle ao secretario municipal que convoque a sesión de oficio tal e como marca a lei para evitar o incumprimento, senón do contrario teremos que recorrer á xustiza.


O exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, sinala que esta actitude responde á “covardía política” de María Sampedro, porque sabe que as mentiras sobre a paralización da residencia quedaron ao descuberto. Lembra que o proxecto orixinal da residencia nas Saíñas, iniciado no ano 2021, foi freado pola Xunta de Galiza en maio de 2025 sen criterios técnicos que o xustifiquen, coincidindo coa preparación da moción de censura para botar do Concello a un goberno que funcionaba. Barral califica esta decisión como unha “sabotaxe do Partido Popular” que prexudica á veciñanza, especilamente ás persoas maiores, só para beneficio político do PP.


Amais da paralización administrativa, os grupos denunciantes alertan do prexuízo económico que supón a pretensión de trasladar a localización do centro á zona de San Roque. Este cambio implicaría “tirar ao lixo máis de 800.000 euros de fondos públicos xa executados na parcela das Saíñas, ademais de illar ás persoas maiores nunha contorna sen accesibilidade nin conexión co transporte público e reiniciar os trámites desde cero cando nas Saíñas hai un proxecto viable e que en poucos meses podería estar en construción”.


Un ano despois da moción de censura, xustificada no seu momento polos seus promotores para “desbloquear proxectos”, a oposición cualifica de “cero” o balance do goberno de María Sampedro: non hai consignación orzamentaria, non existe proxecto de construción e os terreos non están nin inscritos. Por todo isto, esixen que se celebre de inmediato o pleno extraordinario para abortar un asunto que é fundamental para o benestar das persoas maiores.