Mares da Fin do Mundo trasládase para o Concello de Ribeira

Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira, Fernando Abraldes, concelleiro do Mar, Francisco Suárez-Puerta, segundo tenente de alcalde, Anxo Núñez Fernández, tenente de alcalde do concello de Outes e Marcos Gallego, presidente da Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo e director da Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo (MDFDM), anunciaron hoxe o traslado da Mostra MDFDM dende o Concello de Outes ao Concello de Ribeira.

A Mostra conta cun histórico de 6 edicións celebradas. Foi inaugurada no ano 2018 no Concello de Carnota, onde se celebraron as 2 primeiras edicións e se ratificou a potencialidade do formato proposto. No 2020, MDFDM dá o salto ao Concello de Outes, consolidando o formato e ampliando a súa duración ata as 5 xornadas. Neste tempo, asentouse no circuíto galego como un evento cunha identidade propia e diferencial que a fai única. Durante a súa etapa en Outes, a Mostra medrou cualitativa e cuantitativamente en canto a actividades desenvolvidas, público asistente, presencia en medios e  vinculación e implicación no tecido local con axentes de interese no territorio que permitiu asentar a marca.

Co acordo presentado hoxe, que oficializa a transición da Mostra ao Concello de Ribeira para celebrar a VII edición, a organización traslada o especial interese que o acordo representa para o evento por dúas cuestións fundamentais: a dimensión poboacional de Ribeira, e a destacable relación, actual e histórica, deste concello coa pesca e o medio ambiente mariño. A transición permite conservar a identidade territorial na costa da provincia da Coruña, tendendo deste xeito unha ponte cultural entre a Ría de Arousa e a Ría de Muros Noia.

Asemade, resáltase o interese que para o Concello de Ribeira significa poder contar cun evento cultural de calidade contrastada e asentado no panorama audiovisual galego. “Esta mostra permitirá construir sinerxias moi positivas entre a arte, a cultura e o sector pesqueiro do noso Concello” afirmou o alcalde Luís Pérez. Supón unha aposta estratéxica no eido cultural poder contar no programa de actividades coa VII edición de MDFDM, un festival audiovisual que permita atraer  audiencias e incidir na formación de novos públicos. Remárcase a inauguración neste 2024 do novo auditorio, un contedor cultural de gran formato que semella o espazo apropiado  para a celebración da Mostra como evento principal da etapa inaugural do mesmo.

A Mostra Internacional de Cinema Documental MARES DA FIN DO MUNDO está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e co patrocinio da Deputación da Coruña, do Concello de Outes e o apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Así mesmo, MDFDM forma parte da Coordinadora Galega de Festivais de Cinema Proxecta integrada na Federación Estatal de Coordinadoras de Festivales de Cine y Contenidos Audiovisuales Pantalla, é asinante do Pacto pola Cultura Sustentable, membro da plataforma Europea EU4Ocean e colaborador da FAO no Ano Internacional da Pesca Artesanal e da Acuicultura 2022.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.