A concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, acudiu hoxe á presentación das clases de español para estranxeiros que o IES nº 1 de Ribeira organiza en colaboración coa concellería de Educación, Servizos Sociais Comunitarios, Cruz Vermella e Cáritas.
O curso, que xa conta con máis de 80 inscritos, estrutúrase en tres niveis: alfabetización (coñecementos básicos de lecto-escritura), nivel básico (para persoas que non teñen coñecementos previos ou estes son moi elementais) e nivel avanzado (para o alumnado que xa pode comunicarse de forma básica en español pero que quere mellorar as súas competencias).
“Estas clases son unha ferramenta invaluable para facilitar a integración e o entendemento cultural de toda a xente que busca emprego na nosa localidade” afirma a concelleira Cruz Rivadulla.